Betanzos endurece as restricións no uso da auga para garantir o abastecemento á poboación

O Concello de Betanzos deu un paso máis nas medidas de prevención fronte á diminución das reservas hídricas coa aprobación dun decreto que establece novas limitacións no uso da auga da rede municipal. O obxectivo é preservar os recursos dispoñibles e garantir o abastecemento de auga potable para o consumo humano e os usos esenciais.
A decisión chega apenas unha semana despois de que o goberno local fixese un chamamento á cidadanía para realizar un consumo responsable da auga. A evolución da situación levou agora ao executivo municipal a adoptar medidas de obrigado cumprimento para evitar problemas de subministración se a escaseza persiste.
Entre as restricións aprobadas figura a prohibición de encher total ou parcialmente piscinas privadas, lavar vehículos con auga da rede municipal e realizar baldeos utilizando auga potable.
Ademais destas limitacións, o Concello recomenda evitar o rego de xardíns, zonas verdes, hortas de lecer e espazos ornamentais con auga da rede pública, así como reducir ao máximo os consumos innecesarios tanto nos fogares como nos establecementos comerciais.
A alcaldesa, María Barral, explicou que estas medidas responden á vontade de actuar con previsión e prudencia para protexer un recurso esencial. Segundo indicou, o obxectivo é evitar que a situación se agrave e non ter que recorrer a restricións máis severas no futuro.
A rexedora apelou tamén á colaboración da veciñanza, convencida de que Betanzos volverá responder con responsabilidade para contribuír a garantir o abastecemento de auga a toda a poboación.
As medidas permanecerán en vigor ata que mellore a situación das reservas hídricas. O Concello agradeceu de antemán a comprensión e a implicación da cidadanía, lembrando que o uso responsable da auga será clave para asegurar o subministro durante as próximas semanas.