Betanzos e Coirós acordarán como abastecer de auga as vivendas situadas na franxa limítrofe entre ambos municipios

ACoruñaXa
Os dous concellos aprobarán un convenio que permitirá utilizar as redes de distribución máis próximas para atender inmobles situados fóra do seu termo municipal, sen que a conexión supoña gastos para as administracións
COIROS concello
24 Nov 2026

Os concellos de Betanzos e Coirós establecerán un marco de colaboración para regular o abastecemento de auga potable nas vivendas situadas nas zonas limítrofes entre ambos municipios. O goberno local de Betanzos levará a Pleno o convenio interadministrativo que asinarán a alcaldesa, María Barral Varela, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo, co obxectivo de dar resposta a situacións nas que a proximidade das redes de abastecemento dun concello non coincide cos límites administrativos.

Segundo explicou María Barral, o acordo xorde a raíz da solicitude dunha persoa veciña que pediu conectarse á rede de auga para unha vivenda situada na franxa que separa os dous municipios. A casa pertence a Coirós, pero a maior parte da finca na que se atopa está en Betanzos. A rexedora sinalou que non se trata dun caso illado, xa que existen outras edificacións na zona en circunstancias semellantes.

Ata agora, a falta dun marco de colaboración estable dificultaba a resolución deste tipo de peticións, debido a que un concello non pode exercer as súas competencias fóra do seu termo municipal. O convenio pretende establecer un procedemento común para atender estas solicitudes e evitar que os límites administrativos impidan prestar un servizo básico cando existe unha alternativa técnica viable desde o municipio veciño.

A configuración do terreo e a dispersión dalgunhas vivendas, afastadas dos núcleos principais, fan que nalgúns casos resulte inviable ou desproporcionado realizar novas infraestruturas utilizando exclusivamente os recursos propios de cada concello. Por iso, o acordo permitirá que calquera das dúas administracións poida abastecer inmobles do outro municipio a través da rede de distribución máis próxima, evitando duplicidades e investimentos pouco rendibles.

Un dos aspectos destacados do convenio é que a conexión non suporá ningún custo para os concellos. A persoa interesada deberá asumir integramente os gastos derivados da subministración, incluídos a elaboración do proxecto técnico, as obras de entronque, a instalación da arqueta e do contador telemático e calquera outra actuación necesaria.

O procedemento comezará cunha solicitude formal do concello que necesite a colaboración do outro, acompañada do proxecto técnico ou dunha memoria valorada e do compromiso de pagamento por parte da persoa solicitante. As obras deberán executarse nun prazo máximo dun mes. Pola súa banda, o concello colaborador disporá tamén dun mes para resolver a petición, tendo en conta a proximidade da vivenda ao límite municipal, a viabilidade técnica da conexión e que esta non prexudique a calidade nin a continuidade do servizo para os usuarios xa existentes.

O consumo de auga controlarase mediante un contador xeral homologado de tipo telemático. O metro cúbico facturarase segundo a tarifa mínima establecida na ordenanza fiscal do concello que facilite a subministración. A liquidación enviarase anualmente ao municipio solicitante, que será o encargado de repercutir o custo á persoa usuaria. Ademais, este último asumirá o mantemento das instalacións de conexión para evitar posibles perdas ou alteracións na rede do concello colaborador.

O convenio tamén contempla a creación dunha Comisión Mixta de Seguimento, integrada por catro membros, dous de cada administración, que se reunirá polo menos unha vez ao ano para supervisar o cumprimento do acordo. A súa vixencia inicial será de catro anos, con posibilidade de prórroga por outros catro.

Por último, o texto establece que a subministración poderá suspenderse en determinadas circunstancias, como o uso abusivo ou fraudulento, situacións de forza maior, escaseza severa de recursos hídricos ou unha situación de seca declarada polas autoridades competentes.

0.14500212669373