Betanzos deu comezo ás festas de San Roque cun pregón de Dolores Vázquez en defensa do orgullo betanceiro

ACoruñaXa
As celebracións prolongaranse ata o 25 de agosto e ofrecerán once días de música, tradición, cultura e actividades nas rúas e prazas da cidade
pregon-festas-san-roque-betanzos-2026
15 Aug 2026

Betanzos deu este venres o pistoletazo de saída ás festas patronais de San Roque 2026, que se prolongarán ata o vindeiro 25 de agosto cunha programación que combinará música, tradición, cultura e diferentes propostas para a veciñanza e as persoas visitantes.

O inicio oficial tivo lugar co pregón pronunciado pola betanceira Dolores Vázquez desde o balcón do Concello. Durante o acto tamén se realizou o nomeamento de Myrian Arnoso Roca como representante das festas de San Roque 2026.

A pregoeira protagonizou unha intervención marcada pola reivindicación das súas raíces e polo sentimento de pertenza á cidade. Dolores Vázquez lembrou a súa vinculación con Betanzos e afirmou que a localidade está “sempre na miña memoria, sempre no meu corazón”. Ademais, agradeceu á alcaldesa, á Corporación municipal e á cidadanía a oportunidade de ser a encargada de abrir as festas patronais.

No seu discurso, Vázquez animou a veciñanza e ás persoas que visiten a cidade durante estes días a participar activamente nas celebracións e a saír ás rúas. “Xa están aquí as festas!”, proclamou, antes de convidar a poñer os “zapatos cómodos” e encher as prazas e rúas de Betanzos de alegría, amor, música e baile.

A gastronomía e os principais símbolos das festas tamén ocuparon un lugar destacado no pregón. Entre eles, o Globo de San Roque, ao que Dolores Vázquez dedicou un dos momentos máis emotivos da súa intervención ao lembrar a súa ascensión cada 16 de agosto. A pregoeira definiu este momento como “betanceirismo puro, voando cara ao universo”.

Os Caneiros foron outro dos elementos reivindicados pola pregoeira, que puxo en valor a maneira propia na que Betanzos vive as súas festas. Vázquez salientou que a identidade da cidade non se limita ao seu patrimonio ou ás súas rúas, senón que reside tamén nas persoas, ás que definiu como “o grandioso latexo da súa boa e bondadosa xente”.

Durante a intervención tamén agradeceu o traballo de todas as persoas que contribúen a facer posibles as festas, incluídas aquelas que o fan de maneira máis discreta. A pregoeira chamou a vivir estes once días “con moito sentidiño” e “co corazón e os brazos abertos”, lembrando que “estas festas son de todos e para todas e todos”.

O pregón concluíu cunha chamada colectiva de Dolores Vázquez, que proclamou “Viva Betanzos! Viva San Roque!”. A primeira xornada festiva continuou na praza dos Irmáns García Naveira coa actuación de La Banda de Ayer.

A programación continuará este sábado, 15 de agosto, ás 18.45 horas, co nomeamento de Iris Pena Martínez como representante infantil das festas de San Roque 2026 e co pregón infantil, que correrá a cargo da moza betanceira Carmen Calvo Areosa.

Ás 19.00 horas, o estadio García Irmáns será escenario da LVIII edición do Trofeo San Roque de Fútbol, no que se enfrontarán o Betanzos CF e o Silva S.D.

Xa pola noite, ás 23.00 horas, a praza dos Irmáns García Naveira acollerá a actuación da orquestra Panorama.

0.12239909172058