Betanzos culmina a recuperación integral da fonte da Diana Cazadora

O Concello de Betanzos rematou os traballos de mellora e recuperación integral da fonte da Diana Cazadora, un dos elementos máis recoñecibles do patrimonio urbano da cidade. A intervención tivo como obxectivo recuperar o conxunto escultórico e ornamental e poñer en valor este elemento emblemático do espazo público betanceiro.
As actuacións centráronse principalmente na reparación das filtracións de auga que a fonte sufría desde hai tempo debido ao desgaste da pedra. Segundo explicou o Concello, aínda que se realizaron intervencións anteriores, estas non resolveran o problema de maneira definitiva. Coa nova actuación evitáronse as filtracións e garantiuse unha mellor conservación da estrutura.
Para levar a cabo estes traballos empregáronse produtos especializados que non danan a pedra orixinal, co obxectivo de preservar o elemento patrimonial a longo prazo. Ademais, realizouse unha limpeza do óxido acumulado mediante técnicas e produtos específicos para este tipo de intervencións.
A recuperación incluíu tamén o pulido dos chorros de auga, para mellorar tanto o seu funcionamento como a súa estética, así como a restauración das letras douradas nas que aparece o nome de Betanzos e a data de creación da fonte, dous elementos de valor simbólico para a cidade.
Outro dos traballos realizados foi o repintado da estrutura coa tonalidade coñecida como “verde Betanzos”, unha cor tradicional presente en diferentes elementos do mobiliario urbano da cidade.
A actuación forma parte da estratexia municipal de recuperación e posta en valor do patrimonio histórico e dos espazos públicos, coa finalidade de conservar os elementos singulares que forman parte da identidade de Betanzos e mellorar a calidade dos seus espazos urbanos, segundo sinalou a alcaldesa, María Barral.