Betanzos comezará este mes as obras do Centro de Información á Muller, cun investimento de 151.261 euros

As obras do futuro Centro de Información á Muller (CIM) de Betanzos comezarán ao longo deste mes, cun orzamento de 151.261,06 euros. A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión cos técnicos de Servizos Sociais e representantes da empresa encargada dos traballos para ultimar os aspectos pendentes antes do inicio da actuación.
O proxecto permitirá adaptar as dependencias municipais de Servizos Sociais para habilitar unha zona de atención exclusiva para o CIM, con acceso directo desde a rúa. O obxectivo é garantir a privacidade e a comodidade das mulleres que acudan ao servizo, que se rexerá polos principios de anonimato, confidencialidade e respecto á súa vontade.
O centro prestará atención específica ás mulleres vítimas de violencia de xénero e ofrecerá asesoramento xurídico, apoio psicolóxico e información sobre os recursos dispoñibles. Tamén permitirá recibir denuncias e queixas por discriminación por razón de xénero, identidade ou orientación sexual, que serán trasladadas aos órganos competentes.
Ademais, o CIM organizará cursos, xornadas e estudos relacionados coa igualdade e a violencia de xénero, así como actividades e campañas de sensibilización para promover a igualdade de oportunidades e contribuír á erradicación da violencia machista. A atención poderá ser individual ou colectiva e estará aberta tamén a grupos, asociacións e persoas interesadas nas cuestións de igualdade.
O servizo dará cobertura, ademais, a mulleres doutros concellos que ata agora dependían dos centros de información de Coirós ou Curtis. Segundo o goberno local, algunhas veciñas da comarca teñen dificultades para desprazarse ata esas localidades.
O executivo municipal considera que a creación do centro responde a unha demanda histórica que, segundo sostén, non foi atendida pola Xunta, malia tratarse dunha competencia da Administración autonómica.
Betanzos reclama explicacións pola distribución das residencias
Coincidindo co anuncio das obras do CIM, María Barral volveu cuestionar o procedemento seguido pola Xunta para seleccionar os municipios que acollerán as 25 novas residencias públicas para persoas maiores anunciadas pola Consellería de Política Social.
A alcaldesa sinalou que, un mes despois de coñecerse a distribución dos equipamentos, os concellos que quedaron fóra seguen sen recibir explicacións sobre os criterios aplicados, o procedemento de selección ou as razóns que determinaron a localización das novas infraestruturas.
Barral aclarou que Betanzos non se opón á creación de residencias, senón que reclama transparencia e a posibilidade de presentar as necesidades do municipio. "Celebramos que se destinen recursos para atender as necesidades das persoas maiores e felicitamos os concellos que van contar con estes equipamentos", indicou, antes de reclamar que se explique por que outros municipios non tiveron a mesma oportunidade.
A rexedora destacou que 23 das 25 residencias previstas se situarán en concellos gobernados polo Partido Popular. Ao seu xuízo, este dato fai necesario coñecer os criterios empregados, aínda que puntualizou que non cuestiona que os municipios seleccionados precisen estes servizos.
Segundo lembrou, as condicións anunciadas pola Xunta contemplaban concellos de menos de 25.000 habitantes e sen infraestruturas residenciais públicas. Barral sostén que Betanzos cumpre estes requisitos e que, ademais, é cabeceira comarcal, carece dunha residencia pública para maiores e dun centro de día público e atende as necesidades dunha ampla área de referencia.
"Non pedimos que se lle quite nada a ningún concello. Pedimos ter tido a mesma oportunidade que os demais de explicar as nosas necesidades e coñecer o procedemento para acceder a estes recursos", afirmou.
A alcaldesa tamén asegurou que solicitou en varias ocasións unha reunión coa conselleira ao longo deste ano, especialmente despois de que en xaneiro se coñecesen declaracións dun alcalde dun dos municipios beneficiarios nas que xa se apuntaba a previsión de construír unha residencia nesa localidade.
Segundo relatou Barral, o Concello quería trasladar á Xunta as necesidades de Betanzos tanto para unha residencia como para un centro de día, pero non foi recibido. A resposta obtida ás peticións realizadas foi que a solicitude municipal permanecía "en valoración".