Betanzos busca implicar á hostalaría na prevención das agresións sexuais

O Concello de Betanzos mantén aberto o prazo para que os locais de hostalaría e ocio nocturno se adhiran ao protocolo de colaboración fronte ás agresións sexuais nos espazos de lecer.
A iniciativa, baixo o nome de 'Betanzos en violeta', está integrada no programa municipal de prevención comunitaria 'Con-sentido' e nace co obxectivo de implicar tamén ao sector hostaleiro na detección, prevención e resposta ante posibles situacións de violencia sexual.
Desde o Concello destacan que os establecementos de ocio poden xogar un papel importante á hora de crear contornas máis seguras, especialmente nos espazos nos que se concentra a actividade nocturna. Por iso, o protocolo ofrece unha ferramenta de apoio para orientar aos locais adheridos e favorecer unha actuación coordinada.
Os negocios que se sumen recibirán materiais informativos e un adhesivo identificativo que os acreditará como espazos comprometidos coa prevención das agresións sexuais. Este distintivo servirá tamén para transmitir á clientela unha mensaxe clara de rexeitamento a este tipo de violencias.
O prazo de adhesión estará aberto ata o venres 3 de xullo. As persoas interesadas poden contactar cos servizos sociais municipais no teléfono 981 77 07 07.