Betanzos amplía os horarios dos campamentos de verán coa fin de favorecer a conciliación

ACoruñaXa
Os campamentos serán para nenos e nenas empadroados en Betanzos e de municipios da comarca a condición de que queden prazas dispoñibles
Imaxe do cartel do programa 'Betanzos concilia'
Imaxe do cartel do programa 'Betanzos concilia'
30 abr 2024

O Concello de Betanzos sacará esta semana a contratación os campamentos de verán e de Nadal enmarcados dentro do seu programa 'Concilia' para favorecer a conciliación familiar. A novidade máis importante deste ano será a ampliación de horario para cubrir a demanda das familias, con actividades que a diario serán de oito da mañá a tres da tarde.

Deste xeito, a pesar de incrementar as horas, manterase o prezo destes anos de 50 euros. A alcaldesa, María Barral, explicou que estes campamentos irán dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, organizando varias quendas.

Neste sentido, o primeiro campamento empezaría o 24 de xuño e prolongaríase ata o 5 de xullo; o segundo do 8 ao 26 de xullo e o terceiro do 29 de xullo ao 14 de agosto. En cada quenda ofertaranse ata 60 prazas. Ademais, haberá un cuarto campamento, en Nadal, do 23 de decembro ao 7 de xaneiro de, en principio, 20 prazas.

Os campamentos realizaranse nas dependencias municipais, preferentemente no CEIP Francisco Vales Villamarín. Serán para nenos e nenas empadroados en Betanzos e de municipios da comarca a condición de que queden prazas dispoñibles. Canto aos horarios, prolongarase de oito da mañá a tres da tarde, con flexibilidade na entrada e saída, de oito a nove da mañá e de dúas a tres da tarde. Todas as actividades terán como eixe vertebrador a igualdade entre nenos e nenas, a través de iniciativas lúdicas de lecer e tempo libre.

A través do xogo cooperativo trataranse valores de respecto, igualdade de xénero, diversidade, resolución de conflitos e o fomento da cultura e da lingua galega. Tamén se fomentará a educación para a saúde, a través do deporte e das comidas saudables, así como o respecto ao medio ambiente. Haberá actividades deportivas, xogos de cooperación, actividades musicais, artísticas, de manualidades, audiovisuais, e módulos específicos de igualdade de xénero, con visitas de interese, con dúas saídas a outros municipios de interese cultural e deportivo.