Betanzos abrirá o mes de agosto cunha nova edición do "Caneiros en familia"

ACoruñaXa
A romaría celebrarase o 1 de agosto e o prazo para reservar praza nas viaxes en barco permanecerá aberto ata o 30 de xullo
caneiros-betanzos
26 Jul 2026

O Concello de Betanzos organizará o vindeiro 1 de agosto unha nova edición do "Caneiros en familia", unha iniciativa que serve de antesala ás tradicionais festas de San Roque e que busca fomentar unha romaría de carácter familiar no campo dos Caneiros.

A proposta anima á veciñanza a desprazarse ata este enclave, ben a pé ou en embarcación, para compartir unha xornada de convivencia á beira do río Mandeo, levando a comida preparada desde a casa.

Como en edicións anteriores, a embarcación municipal Diana Cazadora realizará viaxes entre o embarcadoiro da Tolerancia e o campo dos Caneiros. O prazo para solicitar praza permanecerá aberto ata o 30 de xullo ás 14.00 horas e as inscricións poden formalizarse na Oficina de Turismo ou a través da páxina web municipal.

Cada unha das viaxes contará con 55 prazas, que se asignarán por orde de inscrición, con preferencia para as persoas empadroadas no municipio. As saídas cara aos Caneiros realizaranse ás 13.00, 14.00 e 15.00 horas, mentres que as viaxes de regreso están previstas para as 19.00, 20.00 e 21.00 horas.

O Concello agarda tamén a participación das embarcacións particulares de Betanzos para converter esta romaría nun exemplo do espírito co que deben celebrarse posteriormente as tradicionais xiras fluviais dos días 18 e 25 de agosto.

Con esta iniciativa, o goberno local pretende contribuír á conservación dos valores e das tradicións propias da romaría dos Caneiros, promovendo un modelo de celebración baseado na convivencia, o respecto e o carácter familiar desta festa histórica.

0.12351489067078