Betanzos, Abegondo, Coirós e Paderne impulsan un programa de emprego para formar a 16 mozos en atención sociosanitaria

ACoruñaXa
A iniciativa, financiada con preto de 484.000 euros, ofrecerá formación e un contrato de traballo durante un ano a persoas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil
saf xenerica
30 Jul 2026

Os concellos de Betanzos, Abegondo, Coirós e Paderne poñerán en marcha un novo programa de formación e emprego dirixido á mocidade co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral no ámbito da atención sociosanitaria e dos servizos sociais.

A iniciativa, denominada 'Coidados e Inclusión Social', estará promovida polo Concello de Betanzos e permitirá ofrecer formación especializada e un contrato de traballo a 16 persoas desempregadas dos catro municipios que estean inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil de Galicia.

O proxecto contará cun investimento de 483.995,36 euros a través do programa Talento Mozo da Consellería de Emprego. O financiamento estará cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea, mediante o programa FSE+ Galicia 2021-2027, e no 40 % restante con fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).

A actuación desenvolverase durante 12 meses e está previsto que a formación comece o vindeiro mes de setembro.

As persoas participantes dividiranse en dúas especialidades. Seis alumnos e alumnas formaranse en atención sociosanitaria a persoas no domicilio, mentres que os outros dez recibirán formación en promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade e en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

A formación práctica realizarase en entidades e servizos especializados como o Servizo de Axuda no Fogar de Betanzos, a Residencia García Irmáns, Fundación Hospitalarias, ASPACE e ASPRONAGA.

O alcalde de Paderne, Sergio Platas, destacou que o programa 'reafirma o noso compromiso coa mocidade, facilitando a súa inserción no mercado laboral nun ámbito con demanda real'. Ademais, puxo en valor a colaboración entre os catro concellos como un factor determinante para conseguir o financiamento e facer realidade esta iniciativa.

0.133141040802