Besteiro visita a sede temporal da Real Academia Galega no polígono de Pocomaco

ACoruñaXa
O deputado, na súa primeira visita á RAG como portavoz socialista no Hórreo, interesouse pola evolución das obras de rehabilitación integral da sede da Academia, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña
Imaxe da visita de Besteiro a RAG
Imaxe da visita de Besteiro a RAG
10 jun 2024

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, recibiu este mediodía o voceiro do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na sede temporal da institución. O deputado, na súa primeira visita á RAG como portavoz socialista no Hórreo, interesouse pola evolución das obras de rehabilitación integral da sede da Academia, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, nun encontro no que ambas as partes compartiron ademais a súa preocupación pola creba na transmisión xeracional do galego e a necesidade de recuperar consensos arredor do idioma para artellar novas políticas que garantan o seu futuro.

Víctor F. Freixanes agradeceu a visita de José Ramón Gómez Besteiro, que acudiu ao encontro na sede temporal do polígono de Pocomaco acompañado pola deputada Silvia Longueira, voceira de Lingua na Cámara autonómica; e Julio Abalde, portavoz de Universidades. Por parte da Academia participou tamén no encontro o vicesecretario da institución, Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística e académico responsable do seguimento das obras de rehabilitación integral da sede da Academia, que se están a executar con financiamento do Goberno central. O presidente confiou, en declaracións aos medios de comunicación antes da xuntanza, en que a Academia poida volver á rúa Tabernas “nun prazo razoable”.

Canto ao futuro do idioma, Víctor F. Freixanes manifestoulle ao portavoz dos socialistas no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG a convicción da RAG da necesidade de “buscar espazos de encontro arredor de algo tan importante como o patrimonio nacional da lingua”, na liña manifestada no pleno extraordinario do pasado Día das Letras Galegas.