Besteiro insta á Xunta a crear un banco público de vivenda en alugueiro para afrontar a crise habitacional

ACoruñaXa
O secretario xeral do PSdeG reclama un apoio efectivo para os concellos en zonas tensionadas e alternativas de alugueiro asequible para paliar o acceso á vivenda en Galicia
Besteiro na Coruña con Inés Rey
13 Nov 2024

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, demandou hoxe á Xunta de Galicia que tome medidas inmediatas para atallar a grave emerxencia habitacional que afecta a moitos galegos. Durante unha visita á Coruña acompañado da alcaldesa Inés Rey, Besteiro subliñou a urxencia de crear un banco público de vivenda en alugueiro para facilitar o acceso á vivenda a prezos razoables, sinalando que "hai que actuar e hai que actuar xa."

Besteiro puxo como exemplo o labor do Concello da Coruña, que impulsou a xestión de vivendas públicas mediante a Empresa Municipal de Vivenda, a construción de novas vivendas en Xuxán, e a promoción de polígonos como o de Visma, onde arredor do 25 % dos 4.000 novos pisos serán de carácter público. Ante a inacción da Xunta, Besteiro esixe a creación dun banco público que, cun investimento de 20 millóns de euros, permitiría incorporar ao mercado de alugueiro unhas 5.000 vivendas en Galicia. Este banco público garantiría os contratos, o pago das rendas, e un prezo estable que evite a especulación, facilitando o acceso á vivenda a prezos asumibles para moitas familias e persoas novas.

O líder socialista recordou que a situación crítica que se vive hoxe débese, en gran parte, a 15 anos de xestión do PP en Galicia, nos que apenas se construíu vivenda pública. En contraste, durante o mandato do socialista Emilio Pérez Touriño, construíronse máis de 7.000 vivendas en catro anos, unha cifra que a Xunta non logrou igualar en quince anos de goberno do Partido Popular. Sinalou como especialmente preocupante a etapa entre 2015 e 2019, cando só se construíron 20 vivendas públicas en toda a comunidade.

Ademais da demanda dun banco público de vivenda, Besteiro fixo fincapé na importancia de apoiar aos concellos que queiran declarar zonas tensionadas para frear a escalada de prezos. Apuntou que, en outras comunidades, estas medidas están conseguindo estabilizar os prezos dos alugueiros, ao mesmo tempo que os propietarios reciben beneficios fiscais como incentivo para ofrecer alugueiros máis accesibles. "En Galicia, pola contra, a Xunta continúa a poñer trabas en lugar de apoiar aos concellos que buscan solucións reais para o problema habitacional," engadiu.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reforzou a postura de Besteiro criticando a "inacción" da Xunta na súa responsabilidade en materia de vivenda. Asegurou que o Plan de Vivenda 2024-2030 da Coruña porá no mercado 4.000 novas vivendas, das que unha boa parte serán de promoción pública, e destacou que o Concello xestionará 400 propiedades municipais para atender ás demandas de vivenda, cifradas entre 2.700 e 3.000 na cidade. Rey tamén se mostrou crítica coa Xunta en canto á concesión de licenzas para vivendas de uso turístico, que contribúen a incrementar os prezos dos alugueiros e dificultan o acceso á vivenda para moitos coruñeses.

Segundo Besteiro, é fundamental que a Xunta abandone a súa pasividade e tome medidas decididas en favor da vivenda pública e do alugueiro social en Galicia, apostando polo investimento público como alternativa á especulación e aos prezos inaccesibles do mercado.

0.16088700294495