Bergondo volve saír á rúa para pedir ao Ministerio unha alternativa ao proxecto que elimina o baipás de Infesta

A veciñanza de Bergondo mobilizouse este xoves 18 de decembro por terceira ocasión para amosar o seu rexeitamento ao proxecto do Ministerio de Transportes para o ramal de conexión entre as liñas León-A Coruña e Betanzos-Infesta-Ferrol. Segundo trasladou o Concello, a actuación prevista suporía a eliminación do baipás de Infesta e tería un impacto que consideran inasumible na parroquia de Cortiñán.
Na concentración participaron veciñas e veciños afectados e representantes da corporación municipal. Como xa ocorrera nas dúas convocatorias anteriores, o grupo municipal do BNG non se sumou ao acto.
Durante a protesta realizouse un corte puntual da estrada DP-0105 tras unha pancarta co lema 'Por unha alternativa xusta. Cortiñán non se mutila', co obxectivo de visibilizar o desacordo co trazado proposto polo Goberno central.
Desde o Concello insistiron en que non se opoñen á mellora das comunicacións ferroviarias, pero consideran que o proxecto actual non achega un beneficio real para Cortiñán nin para Bergondo, e que se sustenta nun suposto aforro de seis minutos sen abordar, ao seu xuízo, unha planificación de futuro do transporte cara a Ferrol.
A administración local lembrou tamén que presentou un recurso formal ante o Ministerio despois de que se rexeitase a proposta municipal coñecida como Alternativa 5S, coa que se busca afastar o trazado das vivendas, reducir expropiacións e minimizar o impacto social e urbanístico. O goberno municipal critica que a opción estatal (a chamada Alternativa 6) deixaría numerosas casas dentro da zona de servidume ferroviaria, devaluando propiedades e limitando o desenvolvemento dunha área xa consolidada.
O Concello defende que a Alternativa 5S permitiría simplificar a execución ao aproveitar trazados xa estudados, diminuír a necesidade de viadutos e desprazar parte da intervención a zonas industriais ou forestais, evitando afeccións directas sobre os fogares.