Bergondo prepara unha parcela do polígono de Guísamo para acoller a futura nave municipal de obras e servizos

O Concello de Bergondo vén de sacar a licitación o proxecto de acondicionamento e movemento de terras dunha parcela municipal situada na rúa Parroquia de Guísamo, no polígono industrial. A intervención conta cun orzamento de 117.691,92 euros, que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería municipal, e permitirá preparar o terreo para a futura construción da nave de obras e servizos do consistorio.
O espazo presenta actualmente unha orografía irregular que limita as posibilidades de aproveitamento e dificulta o seu uso operativo. Para corrixir esta situación, o proxecto contempla unha transformación da superficie mediante labores de desmonte e a creación de terrapléns, co propósito de conseguir unha configuración máis regular e funcional.
A actuación dará lugar a dúas plataformas de traballo. A principal terá unha superficie aproximada de 1.960 metros cadrados, mentres que a secundaria ocupará uns 330 metros cadrados. Esta nova disposición permitirá aumentar a superficie útil, facilitar os accesos e reducir as pendentes para adaptalas ás necesidades das actividades previstas.
Entre os usos que poderá ter a parcela figuran o almacenamento de materiais e o estacionamento de maquinaria municipal, ademais doutras tarefas relacionadas co funcionamento dos servizos locais.
O Goberno municipal considera que estes traballos constitúen un paso previo importante para trasladar a este emprazamento a futura nave de obras e servizos. Segundo explica, a intención é centralizar estes recursos nunha localización máis axeitada dentro da contorna do polígono industrial, mellorando así a súa organización e operatividade.
O traslado responde tamén á previsión recollida na modificación urbanística de San Cidre, onde se atopa actualmente a nave municipal. O obxectivo do Concello é retirar esta infraestrutura dun ámbito urbano e situala nun espazo máis apropiado para desenvolver a súa actividade.