Bergondo impulsa un proxecto para crear un bosque atlántico nunha parcela do polígono industrial

ACoruñaXa
O obxectivo principal é transformar esta parcela nun pulmón verde que combine a recuperación ambiental, a biodiversidade e os usos sociais
bosque-atlantico-bergondo
1 Dec 2025

O Concello de Bergondo puxo en marcha un proxecto para crear un bosque atlántico nunha parcela do polígono industrial, unha iniciativa que conta cun orzamento de 65.803 euros e que está financiada mediante unha subvención da Xunta de Galicia, enmárcase dentro da estratexia de conservación da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas.

O obxectivo principal é transformar esta parcela nun pulmón verde que combine a recuperación ambiental, a biodiversidade e os usos sociais. O proxecto inclúe a eliminación de especies exóticas invasoras e a recuperación da vexetación autóctona do bosque atlántico, así como a restauración ecolóxica do terreo para favorecer a fauna local e os polinizadores.

Ademais, crearase espazos de lecer e educación ambiental, con sendeiros adaptados, zonas de observación e áreas de descanso. Esta actuación busca tamén mellorar a paisaxe do polígono, xerando un contorno máis amable que favoreza a convivencia entre a actividade industrial e o medio natural.

Dende o Concello destacan que esta iniciativa supón “unha aposta clara pola transición ecolóxica, a mellora paisaxística e o benestar de toda a veciñanza de Bergondo”. O futuro bosque atlántico será un espazo accesible, pensado para o desfrute de familias, centros educativos, traballadores do polígono e visitantes, avanzando cara un modelo de municipio máis sostible e equilibrado.

⚙ Configurar cookies
0.080371856689453