Bergondo homenaxea a Xoán Vicente Viqueira cunha oferta de actividades

ACoruñaXa
Alumnado de 5º e 6º de Primaria e de Secundaria de Bergondo mergullaranse no “universo Viqueira” a través duns talleres impartidos por Dores Tembrás
Imaxe do taller celebrado no CPI Cruz do Sar de Bergondo
Imaxe do taller celebrado no CPI Cruz do Sar de Bergondo
13 abr 2024

O CPI Cruz do Sar de Bergondo acolleu este venres o primeiro dos actos de conmemoración do ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’. Nel, o alumnado de Secundaria do centro bergondés traballou, guiado pola autora natural de Bergondiño Dores Tembrás, sobre a poesía do escritor. O obxectivo deste taller é que os e as mozas aprendan sobre a creación literaria dun dos seus veciños máis ilustres, para despois poñela en práctica.

Deste xeito, nas próximas sesións deste taller, despois de empaparse da obra de Viqueira, o alumnado deberá escribir o seu propio texto (poesía ou prosa) no que o protagonista debe ser a noite, vinculando esta con o territorio. Para iso, os talleres partirán do poema ‘De Miguel Ángel’, no que Viqueira fala desde a voz da escultura ‘A noite’.

O obxectivo é construír, entre todos e todas, un caleidoscopio da noite en Bergondo. Con cada unha das achegas particulares crear unha panorámica da noite bergondesa, traballando cos sentidos e abordando ese misterio da noite para penetrarse máis no mundo de Xoán Vicente Viqueira.

Ademais, haberá outro taller para o alumnado de 5º e 6º de Primaria no que elaborarán, a partir das pezas que cada un compoña, un ‘Calendario Viqueira’, no que as distintas parroquias e lugares configuren as catro estaciones: o outono en Vixoi, o inverno en Guísamo, a primavera en Bergondiño ou o verán en Rois.

Estrea do logotipo do Ano Viqueira

Ademais, neste acto estreouse outra das iniciativas que o Concello desenvolve para celebrar o ano de Xoán Vicente Viqueira. Nas aulas estaba presente o roll-up co novo logotipo deste ano especial, que o Concello utilizará a partir de agora como parte da súa imaxe corporativa.

A iniciativa xurdiu de que o Concello de Bergondo quere poñer en valor aos seus veciños máis ilustres e, por iso, dedicou este 2024 a Viqueira. Pero a iniciativa estenderase durante os próximos dous anos, dedicando a Florencio Vaamonde Lores o 2025 e a Filomena Dato Muruais o 2026.

O obxectivo é poñer en valor a estes autores e autoras, difundindo a súa obra e legado mediante actos e actividades, implicando á comunidade educativa do municipio e asociacións culturais que estean interesadas en participar nestas homenaxes.