Bergondo acolle este luns unha xornada forativa para mellorar a seguridade nos centros educativos

ACoruñaXa
A Xornada congrega no Pazo de Mariñán a máis de 75 persoas que abordarán temas de actualidade como as adiccións, a saúde mental, o acoso sexual ou acceso ao diñeiro dixital polos menores
Imaxe da inauguración da III Xornada Formativa sobre o “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”
Imaxe da inauguración da III Xornada Formativa sobre o “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”
8 abr 2024

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reivindicou este luns a cooperación entre administracións, forzas de seguridade e comunidade educativa para promover a convivencia nos colexios e institutos de Galicia e “garantir que a formación, a adquisición de valores cívicos e o crecemento persoal sexan protagonistas nestes espazos”. Así o sinalou na inauguración da III Xornada Formativa sobre o “Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos”, o programa operativo do Ministerio do Interior dirixido a garantir e promover a cultura de seguridade na poboación escolar.

Esta xornada, organizada pola Área de Educación da Delegación do Goberno reúne este luns no Pazo de Mariñán (Bergondo) a máis de 75 persoas representantes da comunidade escolar de Galicia e a Forzas de Seguridade do Estado para analizar os retos da convivencia e seguridade nos centros educativos de Galicia. Entre elas, atópanse os formadores e formadoras da Policía Nacional e da Garda Civil que levan a cabo as accións formativas deste Plan Director. A elas dirixiuse o delegado do Goberno, recoñecendo unha dedicación que “vai moitas veces máis aló do que lle corresponde ao posto”, e que o ano pasado traduciuse en 4.160 charlas e accións formativas en 995 centros educativos de Galicia.

O delegado lembrou o impacto crecente que o Plan Director ten en Galicia, como o amosan as cifras que acada ano a ano: “en 2023 asistiron a estas sesións formativas preto de 125.000 persoas, das que 112.000 eran nenos e nenas e o resto eran docentes e pais, nais e titores”. A estas cifras engadiu as 14.000 vixilancias nos contornos dos centros educativos e a labor permanente de asesoramento e consello sobre temas de seguridade escolar.

Xunto ao delegado, no acto de inauguración participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a deputada provincial e delegada en materia de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira.

O programa

A Xornada abordará en catro mesas redondas distintas temáticas que responden ás demandas trasladadas polas persoas que fan a formación nos centros educativos e polos propios equipos directivos e docentes. Nesta ocasión, celebraranse catro coloquios ao longo do día, que versarán sobre adiccións, saúde mental, acoso sexual ou acceso ao diñeiro dixital. Nelas participarán persoas expertas, formadores da Policía Nacional e Garda Civil, responsables de asociacións e de empresas de sectores relacionados coas distintas temáticas.

A xornada será clausurada ás 18 horas pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

O horario será o seguinte:

  • 9.30 horas. Inauguración
  • 10.00 horas. A adición ao móbil e as súas derivadas.
    Modera: Isabel Ruso de Lago. Directora do IES Eusebio da Guarda. Presidenta da Asociación de Directores e Directivos de Institutos de Galicia (Addiga).
    Participan: Fernando Suárez Lorenzo. Presidente do Consello de Colexios Profesionais de Informática de España e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia. Membro do Comité de expertos para protexer aos menores no contorno dixital, do Ministerio de Xuventude e infancia. Marta Carballal Mariño. Pediatra de atención primaria da área Sanitaria da Coruña. Maite Lage López, Psicóloga Clínica, Responsable da Unidade de día de ACLAD (Asociación Coruñesa de Loita Antidroga).
  • 12:00 horas. A prevención das agresións sexuais e a violencia sobre a muller: pautas a ter en conta.
    Modera: Mar Debén Alfonso, Xefa da Unidade de Coordinación contra a violencia sobre a muller da Delegación do Goberno en Galicia. Participan: Araceli Mira García. Técnica xurídica de igualdade. Asesora xurídica do Centro de Información á Muller e da Rede de Acollemento do Concello da Coruña (Casa de acollemento e pisos de segunda estadía). Ana Aldao Corral. Directora e psicóloga do Centro de información á muller (CIM) do Concello da Laracha.
  • 13.00 horas. Novos retos para a seguridade do menor e a súa relación con materias novas que se ofertan no Plan Director.
    Modera: Xosé Lois García Carballido. Coordinador do Plan Director (Delegación do Goberno en Galicia). Participan: Luisa Kirmayer Cadarso. Psicóloga da Asociación Trastorno da personalidade Galicia. Coordinadora técnica da Asociación Galega para a asistencia e investigación dos trastornos de personalidade. Jeanne Picard Mahaut. Secretaria e Delegada en Galicia da o.n.g. STOP ACCIDENTES. María Luisa Carnero Fernández. Oficial de Policía Nacional na Comisaría de Ourense. Formadora do Plan Director.
  • 16.30 horas. As ameazas no uso do diñeiro dixital polos e polas adolescentes.
    Modera: Gerardo Rodríguez Velo. Coordinador de programas de Agalure (Asociación galega de ludópatas rehabilitados).
    Participan: Diego Arceo Bello. Inspector, Xefe do Grupo de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional da Coruña. Ramón Peña Pérez. Formador do Plan Director da Guardia Civil de Lugo. Experto en tratamento dos roles do xogo. Rafael Villaverde Mogo. CEO de Infonet ciberseguridade. Premio PEL Deputación da Coruña á mellor iniciativa empresarial consolidada.
  • 18.00 horas. Clausura