Begoña Caamaño inspira a celebración das Letras Galegas na Universidade da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
O Paraninfo da Reitoría acolleu hoxe unha homenaxe á escritora e xornalista, coa presentación dunha publicación sobre o seu legado e a entrega dos premios da Universidade Sénior
A CORUÑA udc letras galegas
22 May 2026

A Universidade da Coruña converteu este venres o Día das Letras Galegas nunha homenaxe á memoria e á obra de Begoña Caamaño, unha das voces destacadas da literatura e do xornalismo galego contemporáneo. O Paraninfo da Reitoría acolleu un acto institucional e cultural no que a comunidade universitaria reivindicou a súa pegada creativa, o seu pensamento crítico e a súa contribución á cultura galega.

A xornada abriu coa intervención do reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, acompañado pola vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte, Cristina Naya Riveiro, e pola vicerreitora de Igualdade e Diversidade, Cristina López Vilar. O reitor destacou o papel de Caamaño como unha figura esencial non só no ámbito literario, senón tamén no xornalismo e na reflexión crítica.

Cao puxo o foco na capacidade da autora para revisar relatos establecidos e formular novas preguntas desde a escrita. Nese sentido, vinculou o seu legado coa propia misión universitaria, baseada na análise, no cuestionamento e na apertura de novas perspectivas.

A celebración serviu tamén para anunciar a edición especial conmemorativa preparada polo Servizo de Publicacións da UDC con motivo das Letras Galegas. A obra, titulada 'De Esmelle a Ítaca', foi escrita por Emma Pedreira e María Besteiros e busca achegar ao público a figura e a produción literaria de Begoña Caamaño. A publicación será presentada polas súas autoras nos próximos días.

Cristina Naya explicou que a proposta editorial nace coa intención de ir máis alá dunha lembranza convencional. Segundo trasladou, o libro pretende convidar á lectura activa, ao diálogo e á reinterpretación dunha obra que segue a ter plena vixencia no contexto cultural galego.

Tras a apertura institucional celebrouse a conversa 'Begoña Caamaño, entre o xornalismo e a literatura', conducida pola profesora do Departamento de Letras da UDC Carme Fernández Pérez-Sanjulián. No coloquio participaron a xornalista e escritora Ana Romaní e a docente e escritora Marga do Val, que abordaron o legado intelectual, literario e xornalístico da homenaxeada.

O acto tivo tamén unha dimensión especialmente simbólica para a Universidade Sénior, que este ano celebra o seu 25 aniversario. No marco da programación entregáronse os premios do I Certame Literario 'Fíos da memoria', unha iniciativa creada para dar visibilidade á creatividade do seu alumnado.

O primeiro premio recaeu en Mª Cruz Pena Penabad, mentres que os dous accésits foron para Encarna Fernández Deibe e Ana María Gago Pardo. Con esta convocatoria, a UDC quixo poñer en valor a participación cultural das persoas maiores e o papel da creación literaria como espazo de memoria, aprendizaxe e expresión.

A xornada rematou cunha actuación do grupo Ponticellas, que interpretou 'Lela', con texto de Alfonso R. Castelao e arranxo para cuarteto de chelos; 'Son do ar', de Luar na Lubre; e o Himno de Galicia.

0.11692404747009