Bastiagueiro celebra 40 anos ininterrompidos de bandeira azul

ACoruñaXa
O areal oleirense izou o distintivo pola súa traxectoria de excelencia, mentres o servizo de socorrismo comezará o luns con 47 profesionais
OLEIROS bandeira azul 40 años
11 Jun 2026

A praia de Bastiagueiro xa loce a bandeira que recoñece os seus 40 anos consecutivos recibindo o distintivo azul. O izado celebrouse este xoves coa participación do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e do presidente da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), José Palacios.

Bastiagueiro recibe a bandeira azul de maneira ininterrompida desde 1987. Segundo destaca o Concello, é a única praia de Galicia e de toda a península, agás seis areais valencianos, que mantén este recoñecemento durante catro décadas seguidas.

O distintivo valora aspectos como a calidade das augas, a información ambiental, a seguridade, os servizos dispoñibles e a conservación do litoral. O Concello subliña que tanto Bastiagueiro como o resto das praias municipais contan con diferentes equipamentos para atender ás persoas usuarias durante a tempada estival.

A campaña de salvamento e socorrismo comezará o luns 15 de xuño e permanecerá activa ata o 15 de setembro, todos os días entre as 11.00 e as 20.00 horas. O dispositivo estará integrado por 47 persoas: 36 socorristas, seis patróns de embarcación, tres auxiliares de información e primeiros auxilios, unha supervisora e un xefe de equipo.

Oleiros conta ademais cunha ordenanza municipal, aprobada en 2014, que regula o uso dos areais e establece normas destinadas a favorecer a convivencia e a seguridade. Durante o verán non está permitida a entrada de cans nas praias.

O Concello pide respectar as indicacións do persoal de socorrismo e facer un uso responsable das instalacións. Entre as recomendacións figuran reducir o consumo de auga nas duchas, empregar as papeleiras e colaborar no mantemento dos areais e dos seus contornos.

0.12764096260071