Avanzan as obras de reurbanización de Pla y Cancela

As obras de reurbanización da rúa Pla y Cancela na Coruña continúan avanzando e entrarán nunha nova fase este luns, segundo anunciou o Concello. A renovación do firme da vía obrigará ao corte de tráfico durante un período estimado de seis semanas, aínda que se permitirá o tránsito peonil polos itinerarios marcados e o acceso a garaxes situados na rúa.
Entre as actuacións previstas destaca a ampliación das beirarrúas, a instalación de novo arboredo e mobiliario urbano, e a renovación completa das redes de saneamento e recollida de augas pluviais. Na parte baixa da rúa, entre Inés de Castro e Costa da Unión, as novas beirarrúas e o arboredo xa están instalados. Os traballos continuarán na parte alta, en dirección á rolda de Nelle e á avenida de Arteixo.
A rúa Juan Castro Mosquera tamén sufrirá importantes melloras, incluíndo o cambio a un só sentido de circulación, estacionamento en batería e a creación dunha nova rede separativa de augas pluviais. No cruzamento entre Pla y Cancela e Juan Castro Mosquera, habilitarase un espazo público con novas zonas verdes e maior seguridade para os peóns. Tamén se mellorarán as paradas de autobús coa ampliación das beirarrúas e nova sinalización.
Esta actuación abrangue un total de 6.500 metros cadrados, con 3.170 metros dedicados a zonas verdes e beirarrúas. O proxecto, cun orzamento de 1,1 millóns de euros, está financiado a través dos fondos europeos Next Generation.