Ata oito estudantes poderán acceder ao programa de bolseiros de verán de Oza Cesuras

O Concello de Oza Cesuras abre unha nova vía de apoio á mocidade que continúa coa súa formación académica. A administración local puxo en marcha o Programa Bolseiros de Verán 2026, unha iniciativa coa que busca ofrecer unha primeira experiencia de aprendizaxe e colaboración municipal a estudantes universitarios e de ciclos superiores de Formación Profesional.
A convocatoria permitirá seleccionar un máximo de oito participantes, que desenvolverán a súa actividade durante aproximadamente dous meses. O inicio do programa está previsto entre o 26 de xuño e o 1 de xullo, mentres que a finalización non poderá ser posterior ao 31 de agosto de 2026.
O programa está pensado para mozos e mozas de entre 18 e 25 anos, ambos incluídos, que estean empadroados de forma ininterrompida en Oza Cesuras cunha antigüidade mínima de seis meses. Ademais, deberán ter estado matriculados no curso 2025/2026 en estudos universitarios ou nun ciclo superior de FP.
A convocatoria tamén esixe o compromiso de continuar os estudos no curso 2026/2027, salvo no caso do alumnado que xa estivese matriculado no último ano da súa formación. Algúns dos estudantes seleccionados poderán colaborar no campamento de verán 'Concilia 2026', polo que deberán acreditar que carecen de antecedentes penais por delitos sexuais.
A selección realizarase por rigorosa orde de inscrición, sempre que as solicitudes estean completas e quede acreditado o cumprimento dos requisitos. O programa conta cunha dotación orzamentaria total de 7.000 euros.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 17 de xuño de 2026. O trámite poderá realizarse no Rexistro Xeral do Concello, nas sedes de Oza dos Ríos ou Cesuras, a través da sede electrónica municipal con certificado dixital ou mediante calquera dos procedementos previstos pola normativa administrativa.
Xunto coa solicitude deberán achegarse, entre outra documentación, o DNI, pasaporte ou NIE, o resgardo da matrícula do curso 2025/2026, un certificado de conta bancaria a nome da persoa beneficiaria, o certificado de ausencia de antecedentes por delitos sexuais e, cando proceda, o compromiso de continuidade dos estudos. As bases completas e os modelos necesarios están dispoñibles na páxina web municipal.