ASPACE e a UDC fortalecen o seu compromiso por desenvolver tecnoloxías inclusivas

ACoruñaXa
A entidade colabora coa Universidade na formación de profesionais sanitarios e no desenvolvemento de tecnoloxías para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral
Reunión ASPACE e UDC
Reunión ASPACE e UDC
8 feb 2024

A presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro, mantiveron onte unha reunión  con o xerente, Ricardo Iglesias e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, para reforzar o seu compromiso e a súa aposta polas tecnoloxías para a inclusión das persoas con parálise cerebral.

A entidade ASPACE Coruña leva máis de 20 anos colaborando coa Universidade na formación de profesionais do ámbito sanitario e social acollendo nas súas instalacións cada ano a alumnado de fisioterapia, logopedia e educación social, entre outras. Na reunión mantida co novo reitor da UDC os representantes de ASPACE Coruña trasladáronlle os servizos e proxectos que se desenvolven para a rehabilitación, inclusión e participación das persoas con discapacidade.

Uns dos puntos crave da colaboración entre ambas as entidades é a aposta pola tecnoloxía e a investigación. ASPACE Coruña colabora tamén co CITIC da Universidade dende hai máis de 10 anos no desenvolvemento de tecnoloxía aplicada á mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral, como o software de comunicación In-TIC ou o proxecto 'Talentos Inclusivos', que este ano cumpre xa a súa cuarta edición.

O reitor da UDC trasladou á presidenta e ao xerente de ASPACE Coruña o compromiso da Universidade para reforzar esa alianza para traballar nas tecnoloxías para a inclusión e a domotización, unindo a investigación que se desenvolve na UDC coa experiencia da asociación na atención á discapacidade.