ASPACE e a UDC fortalecen o seu compromiso por desenvolver tecnoloxías inclusivas
A presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro, mantiveron onte unha reunión con o xerente, Ricardo Iglesias e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, para reforzar o seu compromiso e a súa aposta polas tecnoloxías para a inclusión das persoas con parálise cerebral.
A entidade ASPACE Coruña leva máis de 20 anos colaborando coa Universidade na formación de profesionais do ámbito sanitario e social acollendo nas súas instalacións cada ano a alumnado de fisioterapia, logopedia e educación social, entre outras. Na reunión mantida co novo reitor da UDC os representantes de ASPACE Coruña trasladáronlle os servizos e proxectos que se desenvolven para a rehabilitación, inclusión e participación das persoas con discapacidade.
Uns dos puntos crave da colaboración entre ambas as entidades é a aposta pola tecnoloxía e a investigación. ASPACE Coruña colabora tamén co CITIC da Universidade dende hai máis de 10 anos no desenvolvemento de tecnoloxía aplicada á mellora da calidade de vida das persoas con parálise cerebral, como o software de comunicación In-TIC ou o proxecto 'Talentos Inclusivos', que este ano cumpre xa a súa cuarta edición.
O reitor da UDC trasladou á presidenta e ao xerente de ASPACE Coruña o compromiso da Universidade para reforzar esa alianza para traballar nas tecnoloxías para a inclusión e a domotización, unindo a investigación que se desenvolve na UDC coa experiencia da asociación na atención á discapacidade.