Aspace Coruña aposta pola inclusión das persoas con parálise cerebral

ACoruñaXa
A entidade contará cun orzamento de 4,4 millóns, e case o 80% destinarase a gasto de persoal
Imaxe da Asemblea Xeral de Socios de Aspace Coruña
Imaxe da Asemblea Xeral de Socios de Aspace Coruña
26 mar 2024

A pasada fin se semana ASPACE Coruña celebrou a súa Asemblea Xeral de Socios, na que aprobaron as contas e a memoria de actividades do ano 2023.

Durante a Asemblea, os socios aprobaron tamén co seu voto o orzamento para o ano 2024, que será de 4,4 millóns de euros, e destínase case nun 80% aos custos de persoal, xa que a asociación conta cun persoal medio de 116 profesionais para atender ás persoas con parálise cerebral a través dos seus diferentes recursos: Atención Temperá, Centro Educativo, Centro de Día e Centro Residencial.

A asociación, que atende a un total de 124 persoas con parálise cerebral, promoverá este ano 2024 proxectos como o programa “Coñece ASPACE” para familias e tamén colectivos externos á asociación, e realizará investimentos como a automatización de portas dos seus centros ou a climatización das súas instalacións, entre outras.

Ademais optimizará o uso das novas tecnoloxías entre as persoas con parálise cerebral, promoverá a súa implicación a través da creación dunha Comisión e Participación, desenvolverá programas de envellecemento activo e dará continuidade ao seu labor de investigación e innovación con entidades públicas e privadas.