As torres do Parque de Oza deberán xustificar mellor o seu impacto visual

O proxecto urbanístico do Parque de Oza terá que incorporar novos estudos antes de continuar a súa tramitación. A Consellería de Medio Ambiente determina que o plan debe someterse a unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria e reclama aos promotores que completen a análise do seu encaixe paisaxístico, especialmente polo efecto das tres torres de 17 plantas previstas no ámbito do Castrillón.
A actuación afecta ao API Q28 'Parque de Oza', unha zona situada entre o parque, o polideportivo municipal do Castrillón e diferentes parcelas próximas ás rúas Montes, Antonio Ríos, Casanova de Eirís, Castrillón, Carballo e a rolda de Outeiro. O convenio urbanístico aprobado polo Concello prevé completar o desenvolvemento desta bolsa de solo con novas vivendas, espazos públicos e zonas verdes.
O informe autonómico sinala que a topografía e a elevada exposición visual da zona fan necesario estudar con máis detalle como se verán as novas edificacións desde puntos sensibles da cidade, como cotas altas, miradoiros e itinerarios panorámicos. Tamén pide ter en conta os acabados e cores dos edificios para favorecer unha integración máis harmoniosa coa contorna.
Entre as condicións que deberá revisar o equipo redactor figura a edificabilidade asignada á mazá M6, situada fronte ao complexo deportivo. A Xunta tamén solicita que o PERI xustifique a nova ordenación mediante unha análise comparativa, evite unha fragmentación excesiva dos espazos libres e amplíe o estudo de soleamento con distintas franxas horarias e estacións do ano.
A mobilidade é outro dos puntos que queda pendente de reforzo. Medio Ambiente pide completar a documentación cun estudo sobre a capacidade das rúas previstas e das xa existentes para absorber o tráfico, así como confirmar que haberá prazas de aparcadoiro suficientes. O plan tamén deberá garantir percorridos accesibles e seguros para peóns, bicicletas e transporte público.
O desenvolvemento do ámbito xa viña marcado polo convenio urbanístico ratificado polo Concello, que fixa como obxectivos unha ordenación integrada, máis permeable, adaptada á topografía e conectada cos barrios do Castrillón, A Gaiteira e Eirís. O documento tamén recolle a creación dunha rede de prazas, espazos libres e vías verdes que dea continuidade ao Parque de Oza cara ao Castrillón.
No apartado patrimonial, a documentación arqueolóxica non localizou restos que obriguen a establecer medidas protectoras específicas. A tramitación continuará agora coa incorporación das consideracións ambientais antes de que o proxecto poida seguir avanzando no seu percorrido administrativo.