As seis universidades de Galicia e Portugal reunirán máis de 200 deportistas nos Xogos Galaico-Durienses da Coruña

A Universidade da Coruña (UDC) acollerá do 17 ao 19 de novembro unha nova edición dos Xogos Galaico-Durienses, unha competición que reunirá as seis universidades de Galicia e do norte de Portugal. A cita contará coa participación de 225 deportistas e combinará as probas deportivas con tres xornadas de convivencia e intercambio entre as comunidades universitarias de ambos os territorios.
Nesta edición participarán a UDC, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade do Porto, a Universidade do Minho e a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. Ademais do alumnado, tomarán parte persoal docente e investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos das seis institucións.
O programa inclúe catro modalidades: fútbol 7, pádel, voleibol e baloncesto 3x3. As competicións repartiranse entre o pavillón polideportivo e o estadio As Mariñas Douradas, ambos no campus de Elviña, e as pistas de pádel do campus da Zapateira.
A xornada inaugural comezará o martes 17 ás 15:00 horas cos primeiros encontros de fútbol 7 masculino, voleibol e pádel. O baloncesto 3x3 incorporarase ás 16:00 horas. A actividade prolongarase durante a tarde, con partidos de voleibol ata as 20:00 horas e encontros de pádel ata as 19:40 horas.
O mércores 18 concentrará a maior parte da competición, con probas tanto pola mañá como pola tarde. Ademais dos partidos das fases de grupos, disputaranse os primeiros cruces para decidir as clasificacións finais, entre eles as semifinais de fútbol 7 e voleibol. O pádel terá actividade continuada entre as 10:00 e as 20:30 horas.
A última xornada, o xoves 19, estará reservada para os encontros decisivos. As finais de fútbol 7 e voleibol están previstas para as 11:00 e as 11:15 horas, respectivamente, e o conxunto das competicións rematará arredor das 12:30 horas. A entrega de trofeos e o acto de clausura celebraranse ás 13:00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación. Recoñeceranse os tres primeiros equipos clasificados en cada modalidade, así como as universidades mellor clasificadas na xeral.
Máis de tres décadas de historia
Os Xogos Galaico-Durienses celebraron a súa primeira edición na Universidade da Coruña en novembro de 1993. Desde entón, as seis institucións participantes altérnanse na organización deste encontro anual, que busca fomentar a práctica deportiva e fortalecer os vínculos entre as comunidades universitarias de Galicia e do norte de Portugal.
A edición de 2026 dará continuidade a esa traxectoria de máis de 30 anos, co deporte como espazo de convivencia e intercambio, así como de cooperación transfronteiriza.