As rutas fluviais pola ría de Betanzos poderían retomarse a partir do 14 de xullo

As rutas guiadas fluviais pola ría de Betanzos continúan suspendidas de forma temporal debido aos traballos de reparación da embarcación coa que se realiza esta actividade turística e ambiental.
Segundo informou o Concello de Betanzos, a previsión é poder retomar os percorridos a partir do 14 de xullo, sempre que a reparación remate dentro dos prazos previstos.
A actividade xa fora interrompida nos últimos días por esta incidencia técnica, que obrigou a cancelar as saídas programadas. O Concello lamenta as molestias ocasionadas ás persoas que tiñan previsto participar nas rutas e agradece a súa comprensión mentres se completan os traballos necesarios para recuperar o servizo.
As rutas pola ría son unha das propostas estivais vinculadas ao patrimonio natural de Betanzos, ao permitir coñecer a contorna fluvial desde a auga e achegarse ao valor ambiental dun dos espazos máis singulares do municipio.