As praias de Sada pechan o verán con 333 actuacións de socorrismo, un 11,4 % máis que en 2025

ACoruñaXa
As picaduras e as alerxias converteron este tipo de incidencias no máis habitual, cun forte aumento dos casos por escarapote
SADA praia
18 Sep 2026

O peche da tempada oficial de baño deixa en Sada un balance de 333 actuacións realizadas polo servizo de socorrismo nas praias do municipio, unha cifra que supón un incremento do 11,4 % respecto ao ano pasado.

O servizo, coordinado e supervisado polo Servizo de Emerxencias Municipal (SEM), elaborou o informe técnico coas principais cifras do verán. As condicións meteorolóxicas e marítimas foron, en xeral, favorables durante a tempada, cunha bandeira verde no 99,5 % dos rexistros.

As praias de San Pedro e Cirro concentraron a maior parte da actividade, ao acumular entre ambas o 87,1 % do total das actuacións rexistradas.

As picaduras gañan peso entre as incidencias

Un dos principais cambios respecto á tempada anterior está no tipo de actuacións realizadas. Se en 2025 as feridas eran as incidencias máis habituais, este verán pasaron a ocupar ese lugar as picaduras e as reaccións alérxicas, que aumentaron un 70,3 %.

Dentro deste grupo destaca especialmente o incremento dos casos provocados por escarapote. As intervencións relacionadas con estas picaduras pasaron das 49 do ano pasado ás 125 rexistradas nesta tempada, o que supón case triplicar a cifra anterior.

Tamén aumentaron as actuacións producidas dentro da auga, que xa representan o 45,9 % do total, fronte ao 32,8 % de 2025.

A maioría das intervencións foron leves

A pesar do incremento no número de actuacións, o nivel de gravidade mantívose maioritariamente baixo. Case o 79 % dos casos foron clasificados como sen importancia ou moi leves. En total, só dúas das 333 actuacións foron consideradas graves, fronte ás nove rexistradas durante a tempada anterior.

Ademais, practicamente todos os incidentes puideron resolverse directamente na praia, sen necesidade de trasladar as persoas atendidas a un centro sanitario.

Sen socorristas fóra da tempada oficial

Co remate da tempada de baño tamén finaliza o servizo de vixilancia e asistencia dos socorristas nas praias de Sada. Por este motivo, o Concello lembra que, se as condicións meteorolóxicas continúan sendo favorables e a veciñanza ou visitantes deciden achegarse ás praias nas próximas semanas, deberán extremar as precaucións ao entrar na auga.

Ante calquera situación de emerxencia, a recomendación é contactar co 112.

O Concello de Sada aproveitou o peche da tempada para agradecer o traballo desenvolvido polo equipo de socorrismo, cuxa intervención permitiu atender as incidencias rexistradas durante o verán.

0.15481400489807