As obras no futuro parque infantil cuberto do Ventorrillo avanzan coa instalación das pérgolas

O Concello da Coruña continúa coa construción do que será o primeiro parque infantil cuberto da cidade, situado no barrio do Ventorrillo. Os traballos entran nunha nova fase coa instalación das estruturas metálicas que sosterán as futuras pérgolas, un sistema pensado para protexer a área de xogo tanto da choiva como da radiación solar.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou este mércores o estado das obras acompañada polo concelleiro de Infraestruturas, Jesús Javier Celemín Santos, e pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa. Durante a visita comprobouse que xa están colocadas dúas das catro estruturas metálicas previstas e que continúa a montaxe da terceira.
Nas próximas semanas completarase a instalación da última estrutura e, posteriormente, colocaranse as placas de policarbonato que conformarán a cuberta definitiva, permitindo que o parque poida utilizarse durante todo o ano con protección fronte ás condicións meteorolóxicas.
Segundo destacou Inés Rey, “esta actuación representa un paso máis no compromiso do Goberno municipal por dotar todos os barrios de espazos públicos de maior calidade, accesibles e adaptados ás necesidades da veciñanza”. A alcaldesa engadiu que “o parque do Ventorrillo será un equipamento pioneiro na cidade e responde a unha forma de planificar os espazos públicos pensando no seu uso durante todo o ano”.
A actuación está incluída no Plan de Barrios 2025-2027 impulsado polo Goberno local. Para executar a cuberta foi necesario retirar previamente os xogos e o pavimento existentes e realizar as cimentacións necesarias para as novas estruturas. Na actualidade estanse levando a cabo os traballos de ancoraxe e, unha vez rematada esta fase, acometerase a renovación integral da área infantil.
O proxecto conta cun investimento municipal de un millón de euros e permitirá ampliar a superficie do parque desde os 400 metros cadrados actuais ata os 730. Tamén aumentará a súa capacidade, pasando de poder acoller 76 persoas usuarias a un máximo de 135.
A remodelación incluirá a substitución do pavimento e dos elementos de xogo, a incorporación de equipamentos inclusivos e sensoriais e a instalación de dous grandes tobogáns aproveitando o desnivel existente xunto ao parque, cun deseño semellante ao dos situados no corredor verde de Novo Mesoiro.