As lumeiradas de San Xoán deberán contar con autorización previa en Betanzos

ACoruñaXa
O Concello abrirá a vindeira semana o prazo para comunicar ou solicitar permiso para as fogueiras de San Xoán e San Pedro, que deberán rexistrarse cun mínimo de 72 horas de antelación
fogueira-san-xoan-lume-novo
8 Jun 2026

O Concello de Betanzos lembra que as persoas interesadas en celebrar lumeiradas de San Xoán ou de San Pedro deberán solicitar autorización previa cando se realicen en espazos públicos. No caso das fogueiras previstas en ámbitos privados, non será preciso pedir permiso, pero si comunicar a súa celebración ao Concello.

A tramitación poderá realizarse a partir da vindeira semana a través da sede electrónica municipal. Tanto as solicitudes de autorización como as comunicacións deberán rexistrarse cun mínimo de 72 horas de antelación á celebración da lumeirada.

As datas habilitadas para realizar estas fogueiras serán os días 12, 13, 19, 20, 23, 24, 26 e 27 de xuño de 2026. O Concello sinala ademais que todas deberán rematar, como máximo, ás 02.00 horas, e que durante a celebración non se poderán superar os límites de emisión sonora recollidos na normativa municipal.

En materia de seguridade, as lumeiradas deberán manter unha distancia axeitada respecto de vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas vexetais susceptibles de arder. Ademais, non poderán superar os tres metros de altura nin os tres metros de diámetro.

O Concello lembra tamén que está prohibido queimar residuos perigosos ou tóxicos, como pneumáticos, aceites, plásticos ou calquera outro material contaminante. Cando a lumeirada se faga sobre terreos públicos asfaltados, lousados ou pintados, será obrigatorio protexer o pavimento cunha capa de area de polo menos dez centímetros en toda a superficie afectada.

As persoas organizadoras deberán contar cun sistema de extinción de incendios axeitado ás dimensións da fogueira e manter a vixilancia ata que o lume estea completamente apagado. Se se levanta vento e isto dificulta o control ou a extinción, a lumeirada deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.

Desde o Concello fan un chamamento á responsabilidade veciñal para cumprir as condicións establecidas e garantir que esta celebración tradicional se desenvolva con seguridade.

0.12216997146606