As hortas urbanas de A Coruña adxudicaranse este mes tras a súa renovación

ACoruñaXa
O Concello completou melloras nas parcelas de Eirís e Novo Mesoiro, con novos espazos, casetas, armarios individuais e sistemas de abastecemento
A CORUÑA horta urbana
15 May 2026

As hortas urbanas municipais da Coruña adxudicaranse ao longo deste mes despois da renovación das instalacións. Os traballos permitiron reorganizar parcelas, repoñer material e acondicionar os espazos para que as persoas adxudicatarias poidan iniciar os seus cultivos en mellores condicións.

As principais actuacións desenvolvéronse en Eirís e Novo Mesoiro, onde se ampliou o número de parcelas grazas a unha redistribución dos terreos dispoñibles. En Eirís pasarase de 81 a 93 hortas, mentres que en Novo Mesoiro aumentarán de 36 a 38.

As melloras incluíron a instalación de depósitos de auga en varios puntos de Eirís para reforzar o abastecemento e a colocación dunha pérgola cuberta en Novo Mesoiro, situada xunto á caseta. Ademais, nas parcelas que presentaban problemas de drenaxe renovouse o sistema para facilitar o cultivo.

Tamén se incorporaron novas casetas para gardar ferramentas e materiais, armarios individuais para as persoas adxudicatarias e refuxios para insectos elaborados con materiais reciclados das propias hortas. A maiores, creáronse dúas parcelas de uso comunitario nos recintos de Eirís e Novo Mesoiro.

En total, acondicionáronse 326 hortas individuais e dúas parcelas destinadas a asociacións. As actuacións completáronse con tarefas de limpeza, retirada de elementos abandonados, reparacións en sistemas de rego e peches, melloras no chan e nova sinalización para identificar as parcelas coa numeración actualizada.

0.13879489898682