As fogueiras de San Xoán deberán comunicarse antes do 22 de xuño en Coirós

ACoruñaXa
O prazo remata ás 14.00 horas e o trámite poderá realizarse de forma presencial ou a través da sede electrónica municipal
SAN XOAN XENÉRICA
12 Jun 2026

O Concello de Coirós abriu o prazo para comunicar as fogueiras que se vaian celebrar no municipio durante a noite de San Xoán. A notificación previa será obrigatoria e deberá formalizarse antes das 14.00 horas do luns 22 de xuño.

O Goberno local lembra que este trámite permite coñecer con antelación a localización das cacharelas, coordinar os servizos de emerxencia e reducir os riscos para as persoas, as vivendas e o medio natural nunha das celebracións máis participativas do ano.

As comunicacións poderán presentarse presencialmente no Rexistro Xeral do Concello, situado en Coirós de Arriba, número 16. A oficina atenderá de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Tamén será posible realizar o procedemento telematicamente durante as 24 horas do día a través da sede electrónica municipal.

Para tramitar a comunicación será necesario indicar o nome e os apelidos da persoa responsable, o número de DNI ou NIE, o domicilio e a localización exacta na que se prenderá a fogueira.

O alcalde, Francisco Quintela, incidiu na importancia de compatibilizar a celebración coa seguridade. 'San Xoán é tradición, pero tamén responsabilidade. Comunicar a fogueira permítenos celebralo con seguridade para todos', sinalou.

As persoas que precisen máis información poden contactar coas oficinas municipais no teléfono 981 79 64 14, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

0.11920690536499