As festas parroquiais de Arteixo poderán recibir ata 13.500 euros en axudas municipais

ACoruñaXa
O Concello de Arteixo mantén aberta ata o 8 de xuño a convocatoria para comisións e asociacións que organicen celebracións patronais, romarías ou eventos tradicionais
ARTEIXO festa das flores (1)
20 May 2026

O Concello de Arteixo abriu a convocatoria de subvencións para apoiar ás comisións e asociacións de festas na organización das celebracións parroquiais deste ano. O programa municipal busca contribuír ao mantemento das tradicións locais e aliviar os custos que asumen as entidades veciñais para sacar adiante festas patronais, romarías e outros eventos vinculados ao calendario festivo tradicional.

A liña de axudas conta cun crédito total de 210.000 euros para o exercicio 2026, segundo recolle a convocatoria publicada no Boletín Oficial da Provincia. Poderán optar a estas subvencións comisións de festas e asociacións legalmente constituídas, sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade no ámbito do municipio e cumpran os requisitos establecidos nas bases.

As contías varían en función do tipo de celebración e da formación musical contratada. No caso das festas patronais ou asimiladas, o Concello achegará 4.500 euros por día cando haxa orquestras ou grupos de cinco ou máis integrantes. Para formacións musicais menores, a subvención será de 2.000 euros diarios. En ambos casos, o máximo subvencionable será de tres xornadas por lugar, polo que a axuda pode acadar os 13.500 euros.

A convocatoria tamén contempla apoio para festas non patronais, romarías ou celebracións asimiladas. Nestes casos, a achega municipal será dunha contía única de 2.000 euros por día, cun límite máximo de tres días, sempre que se cumpran as condicións fixadas na convocatoria.

As axudas poderán destinarse a sufragar gastos habituais deste tipo de celebracións, como actuacións musicais, alugueiro de carpas, iluminación, seguridade ou pirotecnia. O Concello lembra que as festas deberán contar coa autorización municipal previa e figurar no anexo de lugares incluído nas bases.

O prazo para presentar as solicitudes por vía telemática remata o luns 8 de xuño. Unha vez celebrada a festa, as comisións disporán de 15 días naturais para presentar a xustificación dos gastos mediante as correspondentes facturas.

Con esta convocatoria, o goberno local reforza o seu apoio ás parroquias e ás entidades que manteñen viva a programación festiva ao longo do ano, unha actividade que continúa a ser un dos principais puntos de encontro da vida social nos núcleos do municipio.

0.12560200691223