As Festas de San Roque xa teñen representantes para a súa edición de 2026

ACoruñaXa
Myriam Arnoso Roca e Iris Pena Martínez serán a representante maior e infantil das celebracións patronais de Betanzos
BETANZOS representantas festas 2026
18 Jun 2026

O Concello de Betanzos celebrou o sorteo público para elixir ás representantes das Festas Patronais de San Roque 2026. As escollidas foron Myriam Arnoso Roca, como representante maior, e Iris Pena Martínez, como representante infantil.

A figura das representantes substitúe desde hai anos á tradicional elección da raíña das festas, cun modelo máis inclusivo e aberto á participación da veciñanza. Ambas serán a imaxe das celebracións patronais, participarán nos principais actos do programa festivo e encabezarán os desfiles dos días grandes acompañadas polas súas comitivas.

Myriam Arnoso Roca, de 18 anos, acaba de rematar Bacharelato no CPR Nosa Señora do Carme-Atocha cunha excelente cualificación na PAU. O seu obxectivo é continuar a súa formación na Universidade de Santiago de Compostela, onde quere cursar o Grao en Dereito.

Pola súa banda, Iris Pena Martínez representará á infancia betanceira nunha edición que vivirá desde un papel protagonista dentro dunha das celebracións máis queridas da cidade.

A alcaldesa, María Barral, felicitou ás dúas representantes e ás súas familias, e destacou que este nomeamento permite vivir as festas 'desde dentro' e converterse durante uns días en embaixadoras de Betanzos e das súas tradicións.

As Festas de San Roque son unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo galego e un dos grandes símbolos culturais de Betanzos, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor da tradición, a música e a convivencia.

0.13597512245178