As Festas de San Roque quentan motores coa Panorama, París de Noia e un verán cheo de actividades

GaliciaXa | ACoruñaXa
A cidade acollerá nas vindeiras semanas festivais de jazz, cinema, folclore e artes escénicas antes das súas festas patronais
BETANZOS adelanto festas
16 Jul 2026

Betanzos afronta as vindeiras semanas cunha intensa programación cultural, deportiva e festiva que volverá converter a cidade nun dos principais focos de atracción do verán en Galicia. Tras o éxito da Feira Medieval, o calendario continuará con festivais de música, cinema, folclore, teatro e deporte antes da celebración das Festas de San Roque, declaradas de Interese Turístico Nacional, que terán lugar do 14 ao 25 de agosto, aínda que os actos previos comezarán xa o día 13.

Unha das primeiras citas será este mesmo fin de semana coa celebración do XV Festival Betanjazz, que levará á Praza da Constitución os concertos de Leticia Rey Quintet, o sábado 18 de xullo, e de Swing Titans, o domingo 19.

O sábado celebrarase tamén un dos actos máis especiais deste verán: o festival conmemorativo do 50 aniversario da asociación Xóvenes do Pobo, unha entidade referente na conservación e difusión do patrimonio cultural e folclórico betanceiro. O evento, que terá lugar no Pasatempo, renderá homenaxe ás persoas que ao longo destas cinco décadas contribuíron a manter vivas tradicións como as danzas gremiais de Mariñeiros e Labradores.

A programación continuará entre os días 21 e 24 de xullo coa XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos Ángel de la Cruz, unha cita consolidada no calendario cultural galego. Durante esas mesmas datas desenvolveranse tamén o XXX Festival Folclórico do Día de Galicia, que este ano coincide cos 40 anos da Escola Municipal de Folclore, e unha nova edición de Vai de Rúa, o festival de artes escénicas que converterá rúas e prazas do casco histórico nun escenario ao aire libre.

Xa en agosto, o día 1 celebrarase unha nova edición dos Caneiros en Familia, para os que o Concello abrirá proximamente o prazo de reserva de prazas da lancha municipal. Tamén regresará a Bienal Internacional Balconadas, que volverá transformar os balcóns do casco histórico nunha galería de arte ao aire libre con obras de artistas de diferentes procedencias.

Dolores Vázquez, pregoeira das festas

Un dos anuncios da presentación foi o nomeamento de Dolores Vázquez como pregoeira das Festas de San Roque 2026. O pregón celebrarase o 14 de agosto, coincidindo co inicio oficial das celebracións. Recentemente, Vázquez recibiu o Premio Úrsula Meléndez de Texeda, concedido polo Concello de Betanzos.

A representante maior das festas será Myriam Arnoso Roca, mentres que Iris Pena Martínez exercerá como representante infantil. Pola súa banda, a pregoeira infantil será Carmen Calvo, alumna de terceiro da ESO do CPR Nuestra Señora del Carmen.

Panorama, París de Noia, Los Satélites e Roi Casal no cartel musical

A programación musical volverá ser un dos grandes atractivos das festas patronais. O cartel inclúe actuacións de La Banda de Ayer (14 de agosto), Panorama (15 de agosto), Elebé 2.0 (16 de agosto), Roi Casal, co espectáculo Ambos Mundos (17 de agosto), Origen (18 de agosto), The Cruze (19 de agosto), Los Satélites (20 de agosto), o espectáculo infantil do Mago Rafa e os concertos de Ortiga e Os Revenidos (21 de agosto), Michael Legend e Alga (22 de agosto), a Joven Orquesta Sinfónica de Galicia (23 de agosto), o festival de grupos locais (24 de agosto) e París de Noia, que pechará as festas o 25 de agosto.

Como é tradición, o programa incluirá tamén dous dos momentos máis emblemáticos das festas: o lanzamento do Globo de San Roque, o 16 de agosto, e as dúas tradicionais xiras fluviais dos Caneiros, que volverán reunir milleiros de persoas.

A programación completarase cun amplo calendario deportivo que inclúe o Trofeo San Roque de Fútbol Sala, a Volta Ciclista Comarca Brigantina, o Torneo 3x3 de Baloncesto, o Aberto Vila de Betanzos, o Torneo de Xadrez, o Trofeo San Roque de Ciclismo, un Triangular de Veteranos, un festival de Taekwondo, a Carreira Popular de Betanzos e o Trofeo Cidade de Betanzos de fútbol.

Durante os días de maior afluencia de público volverá instalarse tamén un Punto Violeta, atendido por profesionais especializados para informar, sensibilizar e prestar atención ante posibles situacións de violencia machista ou agresións sexuais.

A presentación serviu ademais para dar a coñecer unha nova sudadeira promocional impulsada polo Concello, que incorpora oito elementos representativos da cidade: o Globo, os Caneiros, o Pasatempo, as Calexas, a tortilla, o casco histórico, as danzas tradicionais e os ríos Mendo e Mandeo. A peza poderá adquirirse proximamente e nace co obxectivo de reforzar a identidade local e promocionar os principais símbolos de Betanzos.

0.12202620506287