As festas de San Marcos contarán cun Punto Violeta para reforzar a seguridade en Nós

ACoruñaXa
O dispositivo do Concello de Oleiros funcionará nas noites do venres 24 e do sábado 25 de abril, entre as 23.00 e as 03.00 horas, con atención especializada ante posibles casos de violencia machista, sexual e LGTBIfóbica
OLEIROS punto violeta
23 Apr 2026

O Concello de Oleiros habilitará un Punto Violeta durante as festas de San Marcos, en Nós, coa intención de ofrecer un espazo de referencia, atención e acompañamento ante posibles situacións de violencia machista. O servizo estará operativo nas noites do venres 24 e do sábado 25 de abril, en horario de 23.00 a 03.00 horas.

Este recurso estará atendido por profesionais especializadas e funcionará en coordinación coas Forzas e Corpos de Seguridade a través dun protocolo específico de actuación. O obxectivo é dar unha resposta inmediata, próxima e especializada ante calquera incidencia, ao tempo que se contribúe a crear contornas festivas máis seguras.

Ademais da atención directa, o Punto Violeta desenvolverá tamén un labor de sensibilización social. Nel facilitarase información sobre recursos e servizos municipais, repartiranse materiais divulgativos e impulsaranse accións participativas adaptadas a distintas idades para promover o respecto, o consentimento e o coidado colectivo como bases da convivencia.

A iniciativa forma parte da estratexia municipal de igualdade e prevención das violencias machistas que o Concello vén reforzando desde hai anos nos espazos festivos. Con esta medida, Oleiros afonda na incorporación da perspectiva de xénero tamén nos ámbitos de lecer e celebración.

0.12982511520386