As familias de Carral xa poden solicitar unha praza no servizo municipal de Madrugadores

ACoruñaXa
O prazo permanecerá aberto ata o 7 de agosto para o programa de conciliación dirixido ao alumnado do CEIPP Vicente Otero Valcárcel
CEIP vicente otero valcarcel carral
28 Jul 2026

O Concello de Carral abreu hoxe, martes 28 de xullo, ás 9.00 horas, o prazo para solicitar praza no servizo municipal de Madrugadores, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias con alumnado matriculado no CEIP Vicente Otero Valcárcel.

O programa, xestionado polo departamento de Educación, volverá poñerse en marcha co inicio do curso escolar 2026-2027, previsto para o 9 de setembro.

O servizo prestarase entre as 7.20 e as 9.20 horas, permitindo que os nenos e nenas permanezan atendidos no centro educativo antes do comezo da xornada lectiva.

As solicitudes poderán presentarse ata o 7 de agosto ás 14.00 horas, tanto a través da sede electrónica do Concello como de forma presencial no Rexistro Municipal.

O formulario necesario para realizar a inscrición xa está dispoñible na sede electrónica municipal e tamén pode descargarse desde a páxina web do Concello.

Con este programa, o Concello de Carral mantén a súa aposta por ofrecer recursos que favorezan a conciliación das familias durante o curso escolar.

0.12238001823425