As entidades de Bergondo poderán solicitar desde este venres as axudas municipais

ACoruñaXa
O Concello reserva 26.000 euros para apoiar proxectos sen ánimo de lucro en ámbitos como a cultura, o deporte, a mocidade ou a conciliación
CONCELLO BERGONDO
29 May 2026

O Concello de Bergondo abrirá este venres, 29 de maio, o prazo para solicitar a nova liña de subvencións municipais dirixida a entidades sen ánimo de lucro. A convocatoria estará aberta ata o 26 de xuño e contará cunha dotación total de 26.000 euros con cargo ao orzamento municipal vixente.

Estas axudas teñen como obxectivo apoiar proxectos que complementen as competencias municipais ou que contribúan ao fomento dos intereses xerais da veciñanza. Poderán optar á convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que estean debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais no momento da concesión da subvención.

As actividades subvencionables deberán desenvolverse dentro do ámbito municipal entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026. A convocatoria abrangue iniciativas relacionadas coa dinamización da mocidade, a promoción da cultura e da historia local, o impulso das artes plásticas, musicais ou escénicas, así como proxectos vinculados ao deporte e á saúde.

Tamén se valorarán especialmente aquelas propostas que contribúan a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, un dos aspectos recollidos nas bases como criterio de interese social.

A axuda máxima para a entidade que obteña a maior puntuación será de 3.000 euros. A partir desa contía, o resto das subvencións reduciranse de maneira proporcional segundo os criterios técnicos de valoración económica e social establecidos na convocatoria.

Con carácter xeral, a cantidade solicitada deberá cubrir entre o 20 % e o 80 % do orzamento total da actividade presentada. Deste xeito, as entidades deberán asumir ou acreditar outras fontes de financiamento para completar o custo dos proxectos.

As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica municipal. A mesma vía deberá empregarse posteriormente para a xustificación documental das actividades realizadas, mediante a achega das facturas e xustificantes correspondentes.

O prazo máximo para presentar toda a documentación xustificativa rematará o 30 de novembro de 2026. A partir dese momento, a Intervención Xeral do Concello revisará os expedientes antes de autorizar o pagamento das axudas concedidas.

0.13167119026184