As contas municipais de Miño encaran 2027 con menos débeda e marxe para cumprir a regra de gasto

Miño afronta os dous próximos exercicios cunha previsión de redución da débeda municipal e de cumprimento da regra de gasto sen necesidade de aplicar medidas correctoras. A Comisión Informativa de Contas e Facenda aprobou este mércores, 23 de setembro, o Plan Económico-Financeiro 2026-2027, que fixa as previsións económicas do Concello para garantir a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira.
Segundo as estimacións incluídas no documento, a débeda municipal podería situarse no 18 % en 2027, mentres que o Concello prevé manterse dentro do límite establecido pola regra de gasto cun certo marxe.
O goberno local tamén se compromete a reservar a parte necesaria dos 2,2 millóns de euros do remanente líquido de tesouraría para garantir o equilibrio das contas municipais. Ademais, non contempla formalizar operacións de crédito a longo prazo que poidan dificultar o cumprimento das regras fiscais.
O alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que o goberno municipal continúa avanzando no saneamento económico das contas. Desde o executivo local sinalan tamén que o control do gasto non impedirá continuar realizando actuacións para mellorar os servizos e infraestruturas do municipio.
Case 70.000 euros para mellorar a N-VI
A propia Comisión de Contas aprobou tamén unha actuación para mellorar o firme de varios tramos antigos da N-VI ao seu paso por Miño.
En concreto, o Concello destinará 69.918 euros procedentes das baixas económicas obtidas en dúas licitacións. A intervención centrarase nos tramos situados en Leiro, Ponte Baxoi e no lugar de Bra.
A cantidade total dispoñible tras as baixas ascende a 70.673 euros, dos que practicamente a totalidade se empregará nesta actuación de mellora da capa de rodadura.
A intervención permitirá actuar sobre varios puntos da antiga estrada nacional e súmase ás previsións económicas incluídas no novo Plan Económico-Financeiro para os exercicios 2026 e 2027.