As cámaras da Cidade Vella comezarán a controlar os accesos o vindeiro luns, pero non sancionarán inicialmente

As cámaras de control de acceso á Cidade Vella da Coruña comezarán a funcionar o vindeiro luns, 16 de novembro. Nunha primeira fase, os dispositivos terán unha función informativa e disuasoria, polo que non imporán sancións mentres os usuarios se adaptan ao novo sistema.
O Concello puxo en marcha este martes un novo portal para facilitar a tramitación das autorizacións de acceso ás zonas restrinxidas ao tráfico de vehículos non autorizados. A plataforma abrangue tanto a Cidade Vella como a Mariña, O Parrote e Pescaría, onde xa existían limitacións de circulación.
A alcaldesa, Inés Rey, explicou o funcionamento da aplicación nun encontro con residentes da Cidade Vella celebrado na Casa Veeduría. Segundo indicou, a restrición dos accesos responde a unha antiga demanda veciñal para preservar este espazo. O obxectivo é garantir o cumprimento das normas que xa estaban vixentes. Ademais, manterase a zona de estacionamento para residentes no Oceanográfico.
Os veciños que xa dispoñan de autorización non terán que volver solicitala. O Concello revisou previamente as bases de datos de vehículos rexistrados, polo que, ao identificarse na aplicación, o sistema mostrará as matrículas que xa contan con permiso. No caso de cambiar de vehículo, o formulario permitirá indicar a matrícula que se debe dar de baixa.
As novas autorizacións poderán solicitarse a través da web zbe.coruna.gal ou da aplicación móbil Coruña, que incorpora un apartado específico para estes trámites. O sistema permite identificarse mediante certificado electrónico, Cl@ve ou correo electrónico. Neste último caso, será necesario acudir previamente a un rexistro municipal, biblioteca ou oficina da Tarxeta Millennium para acreditar a identidade.
A plataforma permite solicitar permisos permanentes ou temporais para residentes, así como autorizacións para comercios e institucións. Tamén contempla diferentes situacións, como vehículos de empresa, coches con praza de garaxe na zona, vehículos de residentes con mobilidade reducida ou aqueles destinados a transportar persoas á residencia La Ciudad.
Durante o proceso, as persoas solicitantes deberán seleccionar a zona e o tipo de autorización que necesitan. A aplicación indicará a documentación que deben achegar e permitirá incorporala directamente ao formulario.
Un período de adaptación sen sancións
Durante as primeiras semanas, as cámaras funcionarán sen carácter sancionador, para que os usuarios poidan comprobar que os seus vehículos están correctamente rexistrados e familiarizarse co procedemento. O Concello tamén prevé un prazo de 48 horas posteriores ao acceso para xustificar a entrada de vehículos que circulen por unha causa debidamente acreditada.
Pola súa banda, os vehículos de carga e descarga poderán continuar accedendo nos horarios habituais, como viñan facendo ata o de agora.
O novo portal responde ao establecido na Ordenanza de Mobilidade Sostible para a Zona de Baixas Emisións Centro. Ademais dos residentes e comerciantes, tamén permitirá que persoas que necesiten acceder puntualmente, por exemplo para recoller un familiar, soliciten unha autorización temporal e eviten posibles sancións.