As Bibliotecas Municipais da Coruña ofrecerán 104 actividades familiares arredor da lectura

ACoruñaXa
O Concello investirá máis de 100.000 euros nun programa que se desenvolverá de outubro a maio e contará con máis de 2.600 prazas para crianzas de 3 a 7 anos
Imaxe da Biblioteca Municipal de Monte Alto na Coruña
27 Sep 2026

As Bibliotecas Municipais da Coruña preparan unha nova programación de dinamización lectora con 104 actividades dirixidas ás crianzas e ás súas familias. O Concello investirá máis de 100.000 euros nun programa que se desenvolverá entre outubro e maio en oito espazos da Rede de Bibliotecas Municipais.

Unha das propostas principais será ‘Merendas con contos’, un dos programas máis veteranos da rede, que cumpre 32 anos achegando a lectura ás nenas e nenos de entre 3 e 7 anos. A iniciativa emprega a narración oral, os contos e a representación escénica para facilitar o contacto coa biblioteca e cos libros desde as primeiras idades.

Nesta edición ofreceranse máis de 2.600 prazas. As sesións combinarán contos, música, narración oral e representacións, con propostas adaptadas ás diferentes idades, intereses e capacidades das persoas participantes.

O programa busca tamén que as crianzas teñan un papel activo durante as actividades e que as familias poidan descubrir novas maneiras de compartir a lectura. As propostas darán prioridade, ademais, a libros que forman parte do catálogo das Bibliotecas Municipais, para que as familias poidan localizalos nos centros e levalos en préstamo de maneira gratuíta para continuar na casa coas historias coñecidas durante as sesións.

A programación incorporará tamén contos, poemas e cancións da tradición oral galega, xunto con propostas destinadas a achegar ás crianzas diferentes realidades e favorecer espazos de comunicación e encontro arredor dos libros.

“Queremos que as nenas e os nenos descubran desde as primeiras idades que na biblioteca sempre hai unha historia esperando por eles, pero tamén que as familias atopen nestes espazos un lugar para compartir tempo, descubrir libros e gozar xuntas da lectura”, sinalou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O edil destacou tamén a traxectoria de ‘Merendas con Contos’ e engadiu que desde o Goberno de Inés Rey continuarán impulsando este tipo de investimentos para reforzar a rede de bibliotecas públicas.

As actividades terán unha duración de 45 minutos e desenvolveranse de luns a sábado, inicialmente entre as 18.00 e as 18.45 horas. Os luns será a quenda da Biblioteca Ágora, con 30 prazas, mentres que os martes haberá sesións na Biblioteca Sagrada Familia, con 20 prazas, e na Biblioteca Fórum Metropolitano, con 30.

Os mércores as actividades chegarán á Biblioteca Monte Alto, con 25 prazas, e os xoves á Biblioteca Castrillón, con 30. Os venres será a quenda da Biblioteca Rosales, con 16 prazas. Finalmente, os sábados haberá propostas no Punto de Préstamo de Mesoiro, con 30 prazas, e na Biblioteca Durán Loriga, con 20.

O Concello sinala que tanto os horarios como as datas poderán sufrir algunha modificación en función das necesidades organizativas dos centros antes do peche definitivo do calendario.

A iniciativa forma parte do programa de promoción lectora das Bibliotecas Municipais da Coruña e pretende reforzar estes espazos como lugares de encontro, participación e acceso á lectura para a cidadanía.

0.14631700515747