As axudas ao comedor escolar cubrirán ata o 100% do servizo para familias con menos recursos de Oleiros

As familias de Oleiros poderán solicitar desde o luns 1 de xuño as prestacións de apoio ao comedor escolar para o curso 2026/2027. A convocatoria permitirá cubrir o custo íntegro ou parcial do servizo, con axudas do 100%, do 60% ou do 40% en función da situación económica de cada unidade familiar.
O prazo permanecerá aberto ata o martes 30 de xuño. As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, en Villa Echeverry, en Perillo, ou a través da Sede Electrónica. Unha vez rematado o proceso e o período de emendas, a listaxe definitiva publicarase o 17 de agosto.
A medida está dirixida ao alumnado dos centros públicos de Oleiros nos que o comedor escolar está xestionado polas ANPAs e AFAs que teñen convenio para tramitar estas prestacións. O obxectivo é garantir que os nenos e nenas con maiores dificultades económicas poidan acceder ao comedor desde o primeiro día do curso, sempre que a solicitude se presente dentro do prazo establecido.
As axudas aboaranse directamente ás ANPAs, mes a mes, tras certificar a asistencia do alumnado beneficiario. Nos casos nos que a prestación non cubra o 100% do servizo, as familias deberán asumir a parte restante do custo.
O programa conta cunha dotación inicial de 90.000 euros, aínda que a cantidade poderá ampliarse se fose necesario para atender as solicitudes que cumpran os requisitos. A concesión dependerá dos criterios xerais e económicos recollidos na ordenanza municipal de medidas pola inclusión social.
A prestación tamén estará condicionada á dispoñibilidade de prazas nos comedores de cada centro. As familias interesadas poden consultar a documentación e os formularios necesarios na web municipal.