As ANPAs da provincia da Coruña poderán solicitar axudas de ata 10.000 euros para actividades educativas e conciliación

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A Deputación da Coruña reserva 250.000 euros para financiar programas en centros públicos durante 2027 e abrirá o prazo de solicitudes o 20 de novembro
DIPU CORU anpas ferrolterra
4 Nov 2026

As asociacións de nais e pais do alumnado (ANPAs) dos centros públicos da provincia da Coruña poderán optar a subvencións de entre 1.500 e 10.000 euros para financiar actividades educativas e servizos de conciliación durante 2027. A Deputación destina 250.000 euros a esta convocatoria, cuxas bases se publicaron o martes 3 de novembro no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

A liña de axudas está dirixida ás ANPAs dos centros públicos que impartan o segundo ciclo de educación infantil, primaria e secundaria. As subvencións cubrirán entre o 20 % e o 80 % do orzamento considerado subvencionable de cada proxecto, que deberá desenvolverse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2027.

Entre as iniciativas que poderán recibir financiamento figuran as actividades extraescolares, os programas de reforzo educativo, as visitas didácticas e culturais e os encontros e xornadas de convivencia. Tamén se inclúen servizos destinados a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, como a atención ao alumnado antes do comezo das clases.

As axudas permitirán, ademais, impulsar propostas relacionadas coa inclusión social, a igualdade de oportunidades, o fomento do uso da lingua galega e o respecto polo medio ambiente.

Prazo aberto desde o 20 de novembro

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva. Para valorar as solicitudes teranse en conta aspectos como a calidade, a coherencia e o interese educativo dos proxectos, a incorporación de propostas innovadoras, a colaboración con outras entidades da contorna e o grao de participación das familias nas asociacións.

O prazo para presentar as solicitudes está previsto que comece o próximo 20 de novembro. A tramitación deberá realizarse a través da plataforma telemática SUBTEL da Deputación, seguindo as condicións e os modelos establecidos na convocatoria.

A deputada de Educación, Yoya Neira, destacou o papel das ANPAs na vida dos centros educativos e a súa contribución ao desenvolvemento de actividades que complementan a formación do alumnado e favorecen a participación das familias na comunidade escolar.

0.14563989639282