Arteixo unificará o consumo eléctrico do Concello baixo un novo contrato
Arteixo estreará dentro dun mes un novo contrato eléctrico que unificará os consumos eléctricos do concello e a empresa pública Sumarche. Deste xeito, máis de cincuenta edificios públicos, preto de 15.000 puntos de luz públicos e outras instalacións como bombeos estarán amparadas por un contrato cuxo prezo base de licitación achégase aos dous millóns de euros anuais, concretamente aos 1,99 millóns de euros.
O obxectivo deste novo contrato é regular e definir o alcance e condicións da subministración de enerxía eléctrica, aos puntos de consumo do Concello de Arteixo e da Sociedade Servizos Urbanos Municipais de Arteixo (Sumarche). Así como dos novos puntos de subministración que resulten durante a vixencia do contrato ao amparo da lexislación do sector eléctrico e demais normativa de desenvolvemento.
A duración do contrato será dun ano con opción de prorrogalo por un ano máis. O prezo da oferta comprenderá detallado o Termo de Enerxía e o Termo de Potencia por cada período tarifario, e incluirá, outros conceptos complementarios como son os excesos de potencia e reactiva, o bono social, o alugueiro do equipo de medida que se aplicasen co valor asignado.
O comercializador que resulte como adxudicatario facturará mensualmente por cada punto de subministración ao Concello todos os servizos incluídos no contrato. A factura mensual comprenderá o total da enerxía rexistrada polos contadores. O concello resérvase o dereito de devolver a factura cando esta non inclúa os parámetros indicados no modelo ou cando a mesma non resulte conforme para o concello, nese caso procederá a reclamar a devandita factura de forma debidamente razoada, todo iso coa implicación que supón respecto a os prazos de pago e intereses de demora.