Arteixo presenta alegacións contra a planta de biogás de Soandres e aproba unha moción unánime de rexeitamento

O Concello de Arteixo presentou alegacións ante a Xunta contra a planta de biogás proxectada no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres, no municipio da Laracha. A administración arteixá considera que unha instalación destas características tería un impacto que iría máis alá do predio no que se prevé construír e tamén do propio concello no que se asentaría.
Segundo recollen as alegacións municipais, o proxecto non pode analizarse unicamente como unha actuación localizada, xa que implica a implantación dunha industria de tratamento de residuos e produción de enerxía con múltiples elementos construtivos e operativos. O Concello sinala que a planta incluiría máis de 25 instalacións ou construcións, entre elas naves, dous dixestores duns 1.700 metros cadrados, cheminea, zonas de carga e descarga, depósitos, viais internos e unha planta de tratamento de auga, sobre unha superficie aproximada de 16.000 metros cadrados.
Arteixo advirte tamén de que o funcionamento ordinario dunha planta deste tipo pode xerar emisións contaminantes, ruídos, olores, tráfico pesado, gases con diferentes compoñentes químicos, vertidos de augas, riscos de incendio e afeccións sobre a fauna e a paisaxe. O Concello sostén que estas cuestións deben ser avaliadas tendo en conta a contorna e non só a parcela concreta na que se pretende desenvolver a actividade.
Outro dos argumentos expostos nas alegacións fai referencia ás posibles limitacións sobre propiedades e usos do solo rural próximos á instalación. Segundo o Concello, unha industria destas características podería condicionar actividades gandeiras ou forestais na contorna, ademais de xerar obrigas para terceiros en materia de xestión da biomasa e prevención de incendios.
A oposición municipal á planta tamén quedou recollida no pleno de Arteixo, onde se aprobou unha moción institucional apoiada por unanimidade de todos os grupos políticos. O texto manifesta o rexeitamento da corporación ao proxecto promovido pola empresa Aratel na súa configuración actual, polas afeccións ambientais, paisaxísticas, hídricas e sociais que, segundo o acordo plenario, presenta a iniciativa.
A moción solicita ademais á Xunta que non declare o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria nin lle aplique ningunha figura de aceleración administrativa mentres existan dúbidas sobre a súa localización, o seu impacto ambiental e o modelo de xestión no que se sustenta.
O acordo tamén insta ao Goberno galego a elaborar con urxencia unha normativa específica que regule a implantación e funcionamento das plantas de biogás. Mentres esa regulación non entre en vigor, Arteixo pide que se estuden as posibilidades legais para suspender de maneira cautelar a tramitación administrativa deste tipo de proxectos.