Arteixo organizará un obradoiro para construír cámaras estenopeicas e preparar a observación da eclipse total de agosto

ACoruñaXa
O Espazo Municipal Ecolóxico ofrecerá o 29 de xullo unha actividade impartida por Óscar Blanco, director do Centro Astronómico Trevinca, dirixida ao público xeral
eclipse-solar
25 Jul 2026

O Espazo Municipal Ecolóxico (EME) de Arteixo porá en marcha un novo curso centrado na preparación da eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto. A actividade consistirá nun obradoiro para aprender a construír e utilizar unha cámara estenopeica, un dispositivo sen lentes que permite observar este tipo de fenómenos de forma segura.

O taller celebrarase o mércores 29 de xullo, entre as 11.00 e as 13.00 horas, no Parque Municipal de Monticaño, na Pastoriza. Estará impartido por Óscar Blanco, director do Centro Astronómico Trevinca, e está pensado para persoas sen coñecementos previos.

A proposta combina divulgación científica e actividades prácticas. Durante a sesión explicarase como será a eclipse total do 12 de agosto, as condicións nas que poderá observarse, as medidas de seguridade que deben seguirse e cales son os puntos máis axeitados do municipio de Arteixo para contemplala.

O programa tamén inclúe unha introdución ao funcionamento das cámaras estenopeicas e aos principios básicos da formación da imaxe. Posteriormente, as persoas participantes elaborarán a súa propia cámara con materiais sinxelos para utilizala na observación da eclipse mediante proxección.

O taller concluirá coa explicación do procedemento para rexistrar e analizar o fenómeno o día da eclipse, ademais de resolver as dúbidas que poidan xurdir sobre este acontecemento astronómico.

A actividade está aberta ao público xeral e contará con 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. O prezo é de 10 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientes de Sumarte e colectivos asimilados, mentres que para o resto das persoas participantes será de 15 euros. En ambos os casos, a matrícula inclúe o material necesario para realizar o obradoiro.

0.12180709838867