Arteixo nomea á matemática Cristina Naya Muller de Arteixo 2024

ACoruñaXa
Cristina Naya, nada na parroquia arteixá de Vilarrodís, é unha destacada docente e investigadora na área de Didáctica da Matemática da Factultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte
Imaxe de Cristina Naya, Muller de Arteixo 2024
Imaxe de Cristina Naya, Muller de Arteixo 2024
8 mar 2024

O Concello de Arteixo decidiu nomear Muller de Arteixo 2024 a Cristina Naya, unha destacada docente e investigadora na área de Didáctica da Matemática da Universidade da Coruña.

O acto de recoñocemento terá lugar o vindeiro xoves 21 de marzo no auditorio do Centro Tecnolóxico de Arteixo a partir das 17.00 horas onde terá lugar tamén unha mesa redonda con diversos especialistas.

Cristina Naya, nada na parroquia arteixá de Vilarrodís, é unha destacada docente e investigadora na área de Didáctica da Matemática da Factultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte.

Forma parte de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesorado de Matemáticas) colaborando en accións para fomentar o gusto e a divulgación das matemáticas. Tamén, é membro do grupo de investigación Innovación en Ensino das Ciencias e das Matemáticas da Universidade da Coruña, participando en proxectos relacionados coa innovación no ensino das Matemáticas, contribucións en revistas especializadas, congresos e seminarios.

Ademais coordinou o grupo de calculadoras de Educación Primaria e Infantil da FESPM (Federación Española de Sociedades de Profesores de Matemáticas) en colaboración coa División Educativa CASIO, e participa no proxecto MATESGG da FESPM en colaboración co Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes e o Centro Internacional de Encontros Matemáticos (CIEM) coordinando o grupo de Educación Primaria e Infantil.

É responsable da sección 'Si ás calculadoras' da Revista SUMA e forma parte da Comisión de Educación da CEMat (Comité Español de Matemáticas) representando á FESPM. Coordinou nestes últimos cinco anos a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da universidade conseguindo a súa acreditación da Red UCCC+I (Unidades de Cultura Científica y de la Innovación) da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e actualmente é membro do equipo reitoral da Universidade da Coruña ocupando a titularidade da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte.