Arteixo denunciará ante o Ministerio de Transportes as fochancas do seu tramo da A-6

ACoruñaXa
O Concello cualifica a situación da autovía como dun “deixamento incomprensible” nunha vía fundamental para vertebrar o territorio e conectar os polígonos empresariais de Sabón e Morás
a6 arteixo
a6 arteixo
1 feb 2024

O Concello de Arteixo solicitará á Dirección Xeral de Estradas unha intervención rápida no tramo da autovía A-6 que pasa por Arteixo debido ao lamentable estado do firme, que mesmo presenta fochancas.

Dende o goberno municipal esixe ao Estado, tendo en conta que é unha vía de alta capacidade na que se alcanzan altas velocidades, que proceda á súa reparación, xa que a falta de mantemento que sofre a autovía está a aumentar o risco de accidentes debido á inestabilidade nos vehículos que provoca o firme.

Esta situación afecta tanto a vehículos particulares e aos transportistas profesionais, que xa se queixaron anteriormente do mal estado xeral da A-6. Organizacións de transportistas como TRADIME ou asociacións como Stop Accidentes expresaron as súas queixas sobre a A-6, e cualifican como “lamentable” o seu estado e como dunha “situación de precariedade” o mantemento dunha autovía que necesita no tramo que percorre o concello de Arteixo unha reparación integral. Á parte do perigo, os transportistas tamén se queixan dos danos que pode causar este mal estado da estrada, sobre todo en canto á “amortiguación” ou as rodas dos camións que utilizan a A-6.

Os usuarios tamén alertan de que “hai tramos da A-6 que non se circula polo carril de aceleración, vaise polo medio, basicamente porque é intransitable que un camión cargado con corenta toneladas poida circular polo carril de aceleración”.

A Dirección Xeral de Estradas é a encargada de xestionar a planificación, o proxecto, construción, conservación e explotación das estradas estatais para que os cidadáns poidan dispoñer dunhas adecuadas infraestruturas. Un dos seus obxectivos pasa pola conservación e á mellora da seguridade, pois como o propio organismo lembra “aproximadamente un 90% do tráfico interior de persoas e mercadorías móvese por estrada”. Neste sentido, o tramo da A-6 en Arteixo é a comunicación principal dos polígonos empresariais de Sabón e Morás, ademais de servir de conexión con outros concellos como A Coruña, Culleredo ou Cambre.