Arteixo convoca o concurso fotográfico que ilustrará o calendario municipal de 2027

ACoruñaXa
A edición deste ano, baixo o lema “Lugares de encontro”, premiará doce imaxes de espazos onde a veciñanza comparte o seu tempo e permanecerá aberta ata o 5 de setembro
concurso-calendario-arteixo
20 Jul 2026

O Concello de Arteixo puxo en marcha unha nova edición do concurso fotográfico que servirá para elaborar o calendario municipal de 2027. Nesta ocasión, a iniciativa desenvolverase baixo o lema “Lugares de encontro”, unha proposta coa que se pretende descubrir, a través das imaxes achegadas pola cidadanía, os espazos do municipio que forman parte da vida cotiá da veciñanza.

O certame abriu xa o prazo de participación, que permanecerá aberto ata o próximo 5 de setembro. As persoas interesadas poderán presentar tantas fotografías como desexen dos seus lugares favoritos de Arteixo para reunirse con familiares, amizades ou outros veciños.

As imaxes participantes serán valoradas mediante un sistema de dobre votación. Por unha banda, un xurado profesional seleccionará as fotografías e, por outra, tamén haberá unha votación popular aberta á cidadanía.

Das dúas valoracións sairán as doce fotografías gañadoras que ilustrarán os doce meses do calendario municipal de 2027, converténdose nas imaxes representativas da publicación.

Ademais de formar parte do calendario, as persoas autoras das fotografías premiadas recibirán unha contía económica que oscilará entre os 100 e os 500 euros, en función da posición que ocupen na clasificación final.

O Concello de Arteixo informa de que as bases completas do concurso poden consultarse na páxina web municipal, onde tamén se atopa a información necesaria para formalizar a participación no certame.

0.1391019821167