Arteixo celebra a súa Feira de Oportunidades esta fin de semana

ACoruñaXa
Haberá espectáculos de baile protagonizados pola Escola de Baile Tempo 154 e a Escola de Baile Tropicalia, sorteos e unha sesión vermú da man do músico Iván Gámez
Cartel da Feira de Oportunidades de Arteixo 2024
Cartel da Feira de Oportunidades de Arteixo 2024
29 feb 2024

Arteixo celebra esta fin de semana, do venres 1 ao domingo 3 de marzo a súa Feira de Oportunidades no Campo da Festa.

Esta Feira está organizada polo Centro Comercial Aberto de Arteixo (Arteixo CCA) e respaldada polo Concello. Nela pode participar calquera comercio do municipio de Arteixo, e acoden como visitantes consumidores de toda a comarca.

Na Feira de Oportunidades os visitantes poderán atopar establecementos de todos os sectores: moda, calzado, complementos, roupa íntima, menaxe de fogar e informática, entre outros.

Haberá espectáculos de baile protagonizados pola Escola de Baile Tempo 154 e a Escola de Baile Tropicalia , sorteos e unha sesión vermú da man do músico Iván Gámez.

Neste sentido o programa para este tres días de compras e lecer é o seguinte:

O venres 1 de marzo inaugurárase a feira ás 16.30 horas. Logo haberá unha actuación a cargo da Escola de Baile Tempo 154 ás 17.00 horas e un concerto do alumnado da Escola de Música Entresons. A primeira xornada concluirá ás 21.00 horas.

O sábado 2 de marzo a feira volverá a abrir as súas portas as 10.00 horas e as 13.00 terá unha sesión vermú da man de Iván Gámez. O recinto estará aberto ata as 21.00 horas.

Por último, o domingo 3 de marzo volverá a abrir ás 11.00 horas e ás 18.00 da tarde terá unha actuación da escola de Baile Tropicalia. Ás 19.00 será o concurso de racing de compras e as 20.30 horas poñerase punto e final á feira deste 2024.