Arredor de 2.000 persoas déronse cita en Abegondo para celebrar o Día da Familia

O encoro de Beche acolleu este domingo unha nova edición do Día da Familia de Abegondo, unha cita organizada polo Concello que volveu congregar un gran número de veciños e visitantes. Só na comida popular participaron arredor de 2.000 persoas, ás que se sumaron numerosos asistentes que gozaron do resto das actividades programadas ao longo da xornada.
O menú da comida estivo composto por churrasco e polbo, nunha celebración que converteu novamente a contorna do encoro no punto de encontro de familias e persoas de todas as idades.
Durante a inauguración, o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, destacou a consolidación desta cita no calendario festivo do municipio. “Que o Día da Familia é xa unha cita imperdible para a veciñanza que se celebra, ademais, nun espazo privilexiado como é o encoro de Beche, ideal para este tipo de actividades”, sinalou.
Tras a comida comezaron as propostas de lecer previstas para a tarde. O programa incluíu o espectáculo do Mago Antón, a actuación de clown e circo Sempre Arriba, de Marta Iglesias, unha festa da escuma, un campionato de tute e iniciativas dirixidas a públicos de todas as idades.
A celebración concluíu coa tradicional Verbena en Familia, que contou coas actuacións de Xilo & Carlos, Paco Lodeiro, Hugo Torreiro, César Romero e Yennia, poñendo o peche a unha edición marcada pola alta participación e o ambiente festivo.
O Día da Familia está organizado polo Concello de Abegondo coa colaboración da Deputación da Coruña e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.